A Xunta non garante a viabilidade do COF do Ventorrillo en resposta a unha pregunta do BNG
A Coruña, 10 de febreiro de 2013.- En resposta a unha resposta escrita formulada polo Grupo Parlamentar do BNG sobre o Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo, a Xunta de Galiza admite axustes organizativos que puideran ser necesarios e en ningún momento se compromete a garantir a continuidade nin a reforzar este centro, tal e como lle reclamaban os deputados nacionalistas Carlos Aymerich e Francisco Jorquera.
A pesar de que as mulleres que atendía o COF do Ventorrillo antes da xubilación do xinecólogo deste centro están a ser derivadas ao COF de Orillamar, que se atopa ao borde do colapso porque xa estaba atendendo máis de 90.000 mulleres, o Sergas responde que a atención ás mulleres, en canto á súa planificación familiar está garantida. Na resposta que recibiu o BNG, infórmase de que Sanidade está traballando cun grupo multidisciplinar de profesionaus na reorganización asistencial da actividade dos COF existentes en función dos recursos e dos profesionais para garantir a prestación asistencial á anticoncepción dun xeito óptimo. Deste xeito, a Xunta de Galiza descarta cubrir a praza de Xinecoloxía vacante no COF do Ventorrillo.
Na resposta á pregunta do BNG, o Sergas insiste en mellorar a anticoncepción e a información. Porén, nada di dos exames de xinecoloxía, dos servizos de prevención do cancro de mama e de cérvix, do asesoramento sexual nin da interrupción voluntaria do embarazo, cuxo primeiro trámite ten que facerse, de xeito obrigatorio, nos COF. De feito, só no 2011, o centro de orientación familiar de Orillamar atendeu 667 casos de aborto. Así, o BNG denuncia que de ningún xeito pode estar garantida a planificación familiar cando non se contempla, nin sequera nesta resposta, servizos como os exames de xinecoloxía, a prevención do cancro, o asesoramento sexual e mais o aborto.
Tanto Aymerich como Jorquera lamentan que mentres financia entidades integristas que lle negan ás mulleres o pleno desfrute dos seus dereitos sexuais e reprodutivos, como é a Red Madre, a Xunta de Galiza está disposta a pechar un COF que atendía boa parte das mulleres da contorna da Coruña, concretamente, atendía mulleres de 32 concellos da provincia".
Podes descargar e ler a resposta da Xunta de Galiza ao BNG sobre o COF se picas na seguinte ligazón: Resposta COF A Corun?a-Carlos Aymerich