O BNG pide 4 millóns para a ría do Burgo e amosa a satisfacción pola visita d@s europarlamentares
A Coruña, 8 de febreiro de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, reuniuse esta mañá coa Plataforma en Defensa da Ría do Burgo, da que os nacionalistas forman parte. Con Jorquera atopábanse Ramón Sixto, portavoz da plataforma, Manuel Cao, patrón maior da Confraría da Coruña, Silvia Seixas, responsábel comarcal do BNG, Luís Dopico, asesor da Confraría, e Manuel Baldomir, presidente da Asociación de Marisqueo a pé da Confraría da Coruña. Na xuntanza, ademais de tratárense os orzamentos galegos, deuse conta da visita dunha Comisión de Eurodeputadas e Eurodeputados á ría do Burgo, para comprobaren in situ a situación de contaminación e as denuncias formuladas pola plataforma.
O portavoz parlamentar puxo de manifesto, en primeiro lugar, o estado absolutamente vergoñento en que se atopa a nosa ría, froito do desleixo das Administracións responsábeis. E é vergoñenta polo extraordinario impacto ambiental, polo impacto de seguridade e salubridade e polo impacto económico, afirmou. O estado da ría e o desleixo das Administracións amosan o desprezo e o abandono cara aos colectivos de mariscadores e mariscadoras. Engadiu Jorquera que apostar pola recuperación da ría do Burgo e dos bancos marisqueiros é apostar pola economía produtiva e que apostar pola recuperación da ría é defender un sector capaz, en tempos de crise, de xerar postos de traballo e riqueza.
Jorquera acusou o PP de marear a perdiz ao longo destes anos. Cando non gobernaba o Estado español, o PP culpaba a Administración central e agora que goberna tanto en Madrid, como na Xunta de Galiza como no Concello da Coruña resulta que non fai nada, nin sequera hai dotación económica nos orzamentos xerais para a ría do Burgo, denunciou. Criticou que, por segundo exercicio orzamentario, a ría do Burgo non conte con ningunha partida nos orzamentos para a limpeza, tratamento e dragado de lodos, que é o que lle compete ao Goberno central. Ademais, puxo de manifesto que os orzamentos da Xunta de Galiza, que é a administración competente en controlar os verquidos á ría, non recollen ningunha dotación específica.
Neste contexto, emprazou o PP a asumir as responsabilidades que lle corresponden e a calendarizar as actuacións, con prazos concretos no BOE e no DOG. Ademais, instou o Goberno galego a aceptar as emendas presentadas polos nacionalistas aos orzamentos de 2013. O BNG propón unha partida de 3 millóns de euros para o saneamento integral da ría e outra de 1 millón para un plan de recuperación dos bancos marisqueiros da ría.
Por último, Jorquera referiuse á visita dos e das eurodeputadas á ría do Burgo, unha visita que terá lugar o vindeiro mércores. Felicitamos a Confraría e a Plataforma en Defensa da ría do Burgo por éxito da xestión que traerá aos parlamentares europeos a coñecer en persoa a contaminación da ría e por seguir a defender os intereses do pobo e do sector.
Ramón Sixto: Queremos que o Parlamento europeo coñeza de primeira man a inseguridade que nos xogamos na ría
Pola súa banda, Ramón Sixto, portavoz da plataforma amosou a ilusión e satisfacción do colectivo por unha visita que levamos agardando anos. Queremos que os representantes do Parlamento europeo comproben que son verdade as nosas denuncias e que se nos despreza como unha ría de segunda categoría, afirmou.
O portavoz da plataforma sinalou que esperamos convencer ao Parlamento galego de que é necesaria a rexeneración da ría tanto para o marisqueo, como para o medio ambiente e o lecer. Fixo fincapé Ramón Sixto na falta de seguridade consecuencia do estado da ría. Lembrou a recente morte dun veciño do Burgo nos lodos e deu conta da caída dun neno aos lodos ao tratar de ir coller a súa bicicleta, que quedara entre a lama. Afortunadamente, expuxo, o pai do neno foi quen de quitalo dos lodos acumulados durante décadas nesta área. Que vexan tamén que, ás portas de tres hospitais, hai un importante foco de contaminación, concluíu.
Manuel Cao: A ría do Burgo é unha pocilga
Tamén interveu na rolda de prensa posterior á xuntanza o patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Manuel Cao, quen cualificou de pocilga o estado actual da ría. Queremos que o Parlamento europeo vexa cos ollos dos propios deputados e deputadas todo aquilo que lles denunciamos e que certifiquen que era certo todo o que nos dixemos, sinalou. Manuel Cao, quen sinalou que o principal obxectivo da plataforma é o dragado e a limpeza da ría, tamén fixo alusión aos problemas medio ambientais, de saúde e de seguridade que padece a xente que traballa nela.