O BNG participa na maré de reclamacións contra o peche do COF do Ventorrillo
A Coruña, 8 de febreiro de 2013.- O BNG participou activamente na mobilización que tivo lugar este mediodía no centro de especialidades do Ventorrillo, onde a concelleira Avia Veira, a responsábel de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, e os deputados Francisco Jorquera e Carlos Aymerich, entre outros membros da formación nacionalista, presentaron as súas reclamacións contra o peche deste Centro de Orientación Familiar, que atendía mulleres de máis de 32 concellos da área da Coruña. Nas follas de reclamacións entregadas no centro de especialidades, as nacionalistas esixiron que se cubra a praza de xinecoloxía do Ventorrillo e que se manteña o funcionamento habitual dos dous COF que hai, no día de hoxe, na nosa cidade.
O BNG, que apoia as demandas das traballadoras destes centros de orientación familiar, presentou xa no Concello da Coruña, na Deputación provincial e no Parlamento galego unha batería de iniciativas nas que pide manter e reforzar o COF do Ventorrillo, así como garantir a continuidade do servizo.
As nacionalistas advirten da saturación que se está a dar hoxe en día no COF de Orillamar. Unha vez que o COF do Ventorrillo ficou sen cubrir a praza de xinecoloxía, as usuarias están a ser derivadas ao COF de Orillamar. Así, un xinecólogo e unha xinecóloga están a atender en Orillamar máis de 152.000 mulleres cando, segundo os parámetros da OMS, para esta poboación debería haber, como mínimo, outra xinecóloga.
Só no COF de Orillamar se atenderon 667 casos de aborto durante o 2011
O BNG pon en valor o servizo que prestan os COF, como a anticoncepción de urxencia, os trámites para o aborto -só en Orillamar atenderon 667 casos durante 2011-, a atención e o asesoramento da demanda de anticoncepción, a instauración e a revisión do método, os exames de saúde xinecolóxica, a prevención do cancro de mama e de cérvix... De aí que as nacionalistas alertan de que o PP está a poñer en risco a saúde das mulleres. E é que de non cubrir a praza de xinecoloxía do COF Ventorrillo será practicamente imposíbel atender con inmediatez estas necesidades.
O BNG lamenta que mentres a Xunta de Galiza financia entidades integristas que lles negan ás mulleres o pleno desfrute dos seus dereitos sexuais e reprodutivos, teime en non cubrir a praza de xinecoloxía do COF do Ventorrillo.