A Xunta mételle a tesoira ás prazas dos campamentos de verán para moz@s con discapacidade

A Xunta mételle a tesoira ás prazas dos campamentos de verán para moz@s con discapacidade

María Xosé Bravo 2A Coruña, 17 de xuño de 2014- A concelleira do BNG María Xosé Bravo vén de ter acceso aos datos que revelan o número de prazas dispoñíbeis nos campamentos de verán para persoas con discapacidade, unhas cifras que a levan a denunciar que “a política de apoio á discapacidade e á dependencia por parte do Partido Popular tradúcese na diminución progresiva de prazas”.

No que ten a ver coa quenda específica, as prazas pasaron de 250 no 2011 a 150 no 2012 e a 130 o 2013. No que se refire á quenda de integración (aquela á que poden asistir as persoas con menos do 65% de discapacidade), as prazas pasaron de 77 no 2011, a 40 no 2012 e a 30 no 2013. A concelleira nacionalista non dispón das prazas para o ano vixente posto que a Xunta de Galiza os mantén ocultos.

Ademais do tesoirazo en número de prazas, tamén sufriron recortes as quendas que se ofertan no campamento de Gandarío. Pasáronse de seis quendas no 2011, a cinco no 2012, a tres no 2013 e a dúas neste 2014

TÁBOA

 

A situación máis grave, sinala a concelleira do Bloque, dáse cos cativos e cativas da Coruña menores de 19 anos cun grao de discapacidade superior ao 65%, xa que a Xunta de Galiza lles impide neste 2014 solicitar praza no campamento de Gandarío (Bergondo) ao que acudían os veráns pasados. “Estes rapaces e rapazas, que están polimedicadas e padecen serios problemas de saúde, terán que desprazarse a máis de 180km, a Ourense, se queren ir a un campamento de verán”, pon de manifesto. “Ter que desprazarse a tanta distancia impide a tranquilidade das familias diante de calquera problema de saúde do seu fillo ou filla, máxime tendo en conta que dan de xeito habitual nestes nenos e nenas”, afirma.

A Consellaría de Benestar insta a escoller destino á vez que impide o acceso a Gandarío

Pola outra banda, María Xosé Bravo salienta que o despropósito é tal que a Consellaría recolle nas bases que “coa finalidade de que as persoas participantes se beneficien ao máximo deste tipo de actividades é moi importante que no momento de presentar a solicitude elixan a modalidade e o destino que mellor se adapte ás súas necesidades”. Mais logo, denuncia a nacionalista, a propia Consellaría de Benestar impide que menores da Coruña poidan ir a Gandarío como facían noutros anos.

A concelleira do BNG empraza o Sr. Negreira a exixirlle á coruñesa Beatriz Mato responsabilidade e que actúe de oficio para evitar a discriminación no caso das persoas con discapacidade. María Xosé Bravo espera que o Parlamento de Galiza lle dea luz verde á batería de inciativas rexistradas pola parlamentar do BNG Carme Adán co fin de que ningún neno ou nena quede fóra de Gandarío.

 

A Xunta mételle a tesoira ás prazas dos campamentos de verán para moz@s con discapacidade