O BNG insiste en pedir que os titulados superiores poidan facer prácticas en empresas europeas
A Coruña, 16 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o concelleiro de Educación non aproveitase hoxe a rolda de prensa sobre o proxecto ACORE II para rectificar o ACORE III e permitir que os titulados superiores poidan seguir realizando prácticas formativas en empresas europeas. Precisamente, no pleno ordinario de xuño, o Grupo Municipal do BNG formulou un rogo oral pedíndolle ao Goberno que recuase e lle permitise realizar prácticas fromativas en empresas europeas ao alumnado dos Ciclos Superiores de Hostelaría e Turismo, Comercio Internacional e Marketing e Administración e Finanzas, tal e como aconteceu coa edición do ACORE I e acontece, na actualidade, co ACORE II.
O Grupo Municipal do BNG xa denunciou o pasado mes de marzo que para o vindeiro curso 2014-2015 o Concello da Coruña non ofertaría bolsas para os ciclos superiores de Hostelaría e Turismo, Comercio Internacional e Marketing e Administración e Finanzas. Así, o Goberno do Sr. Negreira só lles outorgará bolsas aos alumnos e alumnas dos ciclos medios, en contra do parecer dos Institutos e do alumnado implicado.