A Xunta de Galiza exclúe o Concello da Coruña das axudas para a compra de libros das bibliotecas
A Coruña, 8 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Concello da Coruña xa non poderá dispoñer da subvención que lle outorgaba a Xunta de Galiza para a adquisición de libros de bibliotecas, xa que o Goberno de Feijóo vén de decidir que non poden concorrer a estas axudas os concellos con poboación igual ou superior a 30.000 habitantes. Á espera de coñecer e poder analizar os orzamentos da Concellaría de Cultura, esta decisión vai supoñer unha menor partida global para a compra de libros, o que se traduce nun grave prexuízo para as persoas usuarias das bibliotecas municipais, que terán á súa disposición un menor número de novidades.
As nacionalistas advirten de que esta decisión, froito da orde de23 de setembro de 2014 pola que se estabelecen as bases reguladoras da subvención plurianual a concellos de Galiza para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de xaneiro de 2014 até o 15 de abril de 2015 (DOG do 3 de outubro de 2014), vai provocar que, aos poucos, o catálogo das bibliotecas municipais vaia ficando obsoleto e desfasado.
O Grupo Municipal do BNG denuncia que xa nos últimos anos as axudas que recibía o Concello por parte da Xunta de Galiza para a compra de libros foi caendo en picado. Así, mentres que en 2007, último ano en que o BNG foi responsábel da Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza, o Concello da Coruña obtiña 104.452 euros de axudas da Administración galega para a compra de libros, en 2013 a cantidade descendeu até os 19.773 euros.
O Goberno do Sr. Negreira fixo caer as partidas para a adquisición de fondos para as bibliotecas municipais desde os 134.256 euros aos 95.000 euros
Pola outra banda, no que respecta ao balance da partida para compra de fondos para bibliotecas nos orzamentos municipais, as nacionalistas apuntan a unha caída do 35% desde o 2010, ano desde o que a colección das bibliotecas municipais non se actualizan como antes. Lembra o Bloque que en 2011, os últimos orzamentos do anterior goberno, a adquisición de libros para as bibliotecas municipais se situaba nos 134.256 euros, cantidade que baixou aos 100.000 euros tanto nos orzamentos municipais de 2012 como nos de 2013, até caer aos 95.000 euros nos orzamentos vixentes, os de 2014.