A Xunta de Galiza desoe o BNG e négase a revisar a denegación das axudas á hipoteca en Novo Mesoiro
A Coruña, 4 de decembro de 2013.- A Xunta de Galiza négase a revisar de oficio a denegación das axudas á hipoteca que tiñan as persoas propietarias de vivendas protexidas, un caso que lle afecta especialmente ao barrio de Novo Mesoiro. Así llo confirmou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, á deputada do BNG Carme Adán na sesión plenaria que tivo lugar esta mañá. En base ao Real-Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, a Xunta de Galiza comunicoulles a miles de familias galegas a supresión da axuda á hipoteca da súa vivenda protexida, malia estaren estas axudas vinculadas a plans de vivenda anteriores ao 2012.
Na súa intervención, a parlamentar nacionalista puxo de manifesto que a solución á supresión destas axudas é unha cuestión de vontade política e sinalou que a Xunta de Galiza ten na súa man lexislación suficiente como para acabar coa inxustiza á que se ven sometidos boa parte dos veciños e veciñas de Novo Mesoiro. Puxo como exemplo a comunidade de Castilla y León, que está a acometer as revisións de oficio das subsidiacións das vivendas protexidas en base ao recente informe da Defensora del Pueblo, quen ten salientado que non se lle pode furtar ao pobo, con carácter retroactivo, un dereito que tiña xa conquirido.
Carme Adán cargou duramente contra a postura do Goberno de Feijóo, que afirma que o Instituto Galego de Vivenda e Solo é un mero tramitador das axudas e mira para outro lado ante a eliminación dunha axuda que é competencia propia deste organismo. A deputada do BNG lembrou que coa supresión destas axudas á hipoteca, o PP failles perder ás persoas afectadas entre 50 e 100 euros todos os meses.
Precisamente, na tarde de hoxe, a deputada Carme Adán e mais a concelleira María Xosé Bravo manterán unha reunión coa Plataforma de Afectados e Afectadas polas Hipotecas de Novo Mesoiro para lle dar conta do respostado polo concelleiro.