O BNG considera insuficiente a apertura de 9 das 25 camas do Abente y Lago
A Coruña, 5 de decembro de 2013.- O BNG considera insuficiente a apertura de 9 das 25 camas que o Sergas ten pechadas na planta de medicina interna do hospital Abente y Lago. O BNG, que se alegra de que a presión exercida pola formación nacionalista e polos traballadores e traballadoras fixera reaccionar a Consellaría de Sanidade, pon de manifesto que o Goberno do PP non pode usar estas camas pechadas como recursos de quita e pon, ao estilo comodín.
Precisamente, hai 6 días, a parlamentar do BNG Montse Prado formulaba na Comisión de Sanidade da Cámara galega unha pregunta en que urxía o Sergas a abrir as 25 camas. Aproveitou a nacionalista a súa intervención para alertar sobre as urxencias do CHUAC, que, apuntou, son boa mostra das políticas de acoso e derribo do PP á sanidade pública. Montse Prado denunciara ante ao Sergas que as urxencias funcionan ao máximo da súa capacidade e sempre ao límite. De feito, advertira de que calquera cuestión que supoña un pico deixa as urxencias do CHUAC nunha situación de colapso. Foi, precisamente, o que aconteceu esta mañá, con pacientes amoreados nas padiolas e en sillóns á espera de seren atendidos.
O BNG volve insistir en que as 25 camas son necesarias non só cando as Urxencias do CHUAC se atopen ao borde do colapso, senón todos os días, tendo en conta que en Galiza hai 37.000 pacientes en espera a seren operados e operadas e cando as persoas doentes están a ser derivadas polo Sergas á sanidade privada.