O BNG pregunta polo funcionamento incorrecto de semáforos para peóns e sobre a falta de iluminación
A Coruña, 4 de decembro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo presentou unha iniciativa para darlle a coñecer o Goberno do Sr. Negreira o funcionamento incorrecto da rede semafórica que vai desde a contorna da Domus aos Pelamios, onde non funcionan os botóns para regular o cruzamento dos peóns. De feito, as persoas que queren cruzar a vía teñen que agardar tempos de cruce tan elevados que na maioría dos casos optan por cruzaren en vermello. Neste contexto, María Xosé Bravo rexistrou unha batería de preguntas para saber se o Goberno municipal ten pensado activar correctamente estes dispositivos ou se van quedar como até agora.
Ademais, a concelleira do BNG dá conta do deficiente funcionamento da iluminación pública en tramos do paseo marítimo e nos accesos ao Clube do Mar. É por iso que a nacionalista formula preguntas escritas para coñecer se o Goberno do Sr. Negreira ten previsto solucionar estas carencias na iluminación. Pola outra banda, Bravo pregunta ten planificado o Goberno municipal algún tipo de actuación no solar que se atopa onde o Clube do Mar e que hoxe en día serve de aparcadoiro para vehículos.