O BNG critica as reiteradas mentiras do PP sobre Alvedro
A Coruña, 5 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG critica as reiteradas mentiras do PP, tanto por parte da ministra de Fomento como por parte do alcalde, sobre as obras de ampliación de Alvedro. Os nacionalistas insisten en esixirlle ao Partido Popular que abandone a política de ficción e propaganda respecto do aeródromo coruñés, que tamén vai sufrir a privatización imposta polo Goberno de Rajoy. Precisamente, vense de coñecer que o aeroporto coruñés contará cun controlador aéreo menos, cos aplausos do Sr. Negreira.
Lembra BNG que desde a chegada do PP a Goberno municipal, Alvedro xa perdeu o 30% dos destinos, o 40% dos voos e 500.000 viaxeiros e viaxeiras. A semana pasada coñeciamos a noticia de que Turkish Airlines renunciaba a operar en Alvedro para irse a Lavacolla, despois de que o Sr. Negreira anunciara, a bombo e platillo, a chegada da aeroliña turca á Coruña. Tamén deixará Alvedro a compañía Easyjet a partir de decembro.
O Grupo Municipal do BNG volve insistir na necesidade de que o Sr. Negreira traballe por crear un sistema aeroportuario galego, que acabaría coa condición periférica de Alvedro. Isto pasaría pola aposta decidida da Xunta de Galiza pola constitución dun sistema que opere en clave de cooperación, colaboración e equidade e que lle poña fin ao modelo centralista que lle resta as potencialidades ao aeroporto coruñés.