Bermello: "Feijóo e Mato deixaron moito coruñés e coruñesa no paro"

Bermello: "Feijóo e Mato deixaron moito coruñés e coruñesa no paro"

A Coruña, 5 de outubro de 2012.- O candidato pola Coruña Suso Bermello participou esta mañá nun reparto de material informativo xunto a concelleira Ermitas Valencia e militantes nacionalistas nas rúas do Ventorrillo. En declaracións aos medios, Bermello referiuse ás palabras de onte de Feijóo, que se laiou de que “quedan moitos e moitas galegas sen traballo”. “E non é que quedaran sen traballo, Feijóo deixounos sen traballo, cun 72% máis de paro, o maior incremento porcentual de todo o Estado, o que se traduce en 113.000 parados e paradas máis”, sinalou.

“No BNG, tanto nas institucións como na rúa, estamos do lado das maiorías sociais, das e dos traballadores e non do lado da banca, como está o PP. Por iso, desenvolveremos unha estratexia global de fomento do emprego, nomeadamente para a mocidade e para colectivos con altas taxas de desemprego”, apuntou. Engadiu a necesidade de contarmos con competencias en materia de fomento de emprego, da inspección de traballo, dos servizos públicos de emprego e da formación continua e de acadar un marco galego de relacións laborais. Tamén propuxo a creación de traballo estábel e de calidade e a oposición á deslocalización das empresas radicadas en Galiza, restrinxindo este tipo de axudas que fomentou Feijóo.

Ademais da inclusión nos pregos de contratación de cláusulas de penalización da precariedade laboral, apostou Bermello por modificar a lexislación sobre empresas de traballo temporal e por estimular o emprego estábel en novos xacementos de emprego.

Valencia critica que o Goberno municipal presuma das dramáticas cifras do paro

Pola súa banda, a concelleira Ermitas Valencia criticou que o Goberno municipal presumira das dramáticas cifras de paro, con 22.590 coruñeses e coruñesas no desemprego. “Non vemos ningún aspecto positivo do que deba alardear o Sr. Flores cando un total de 2.590 persoas máis están no paro desde que o PP goberna na Coruña. E, aínda así, o Sr. Negreira segue sen dar conta do plan estratéxico que prometera en campaña”, sinalou Valencia.

A concelleira nacionalista considera unha “falta de respecto a todas as persoas en paro” que o Goberno municipal presuma de cifras. “O Goberno municipal non pode presumir de nada relacionado co emprego porque recortou 4 millóns de euros en emprego e comercio e porque deixou sen executar case medio millón de euros en cursos de formación para o emprego; é dicir, ao Goberno do Sr. Negreira sobroulle un terzo do orzamento dedicado á promoción do emprego”, salientou.

“En vez de presumir, o Goberno municipal debería avergoñarse por dedicar cero euros do último modificativo á loita contra o desemprego, mentres gastaba máis de un millón e medio de euros nas festas”, sinalou Valencia. “E, malia que o viveiro de empresas do Igrexario da Agrela está desbordado, o Goberno municipal aínda tivo o descaro de suprimir o viveiro de empresas proxectado na Agra do Orzán, dentro do programa Urbana C”, engadiu.

Por último, a concelleira do BNG cualificou a situación como “o mundo ao revés”: “o Goberno municipal presume de 22.590 persoas que sofren o drama do paro e a Sra Mato, a campioa do desemprego, a que máis ERE asinou na cidade e na comarca, é premiada por Feijóo co número 1 da provincia da Coruña”, concluíu.

 

 

Bermello: "Feijóo e Mato deixaron moito coruñés e coruñesa no paro"