Volvemos a reclamar actuacións na rúa Mendaña de Neyra

Volvemos a reclamar actuacións na rúa Mendaña de Neyra

Vimos de presentar esta mañá unha batería de preguntas (preme aquí para velas) a respecto da rúa Mendaña de Neyra, actualmente inacabada no cruce coa avenida da Universidade.

E é que xa van para 10 meses desde que preguntamos por primeira vez ao Goberno municipal sobre a situación da rúa e aínda segue sen realizarse ningunha actuación na mesma.

Presentamos esta mañá unha batería de preguntas a respecto da situación desta rúa do Birloque que permanece inacabada

Cruce da rúa Mendaña de Neyra coa avenida da Universidade

Deste xeito, con data 17 de agosto de 2015, presentabamos unha batería de preguntas a respecto do estado desta rúa (que foron estas), recollendo as reivindicacións da veciñanza da contorna do Birloque que leva denunciando a situación desde hai máis de 4 anos.

Na nosa iniciativa indicabaamos que a A.VV. dos Anxos presentara con data 5 de febreiro de 2012 solicitude de acondicionamento no cruce da avenida de Universidade e a rúa Mendaña de Neyra, onde se sinalaba a carencia de beirarrúas, mobiliario urbano básico para o acceso para peóns (que obriga ás persoas a invadir indebidamente á calzada e mesmo a cruzar por lugares indebidos que poñen en perigo a súa seguridade persoal e seguridade viaria), e onde se solicitaba a colocación de beirarrúas e de accesos viarios e sinalización viaria horizontal (paso para peóns) e que permítese o cruzar a rúa Mendaña de Neyra en condicións mínimas de seguridade.

Veira: “En agosto de 2015 presentaramos unha iniciativa que demandaba actuacións inmediatas na rúa recollendo demandas da veciñanza, así como medidas provisionais mentres non se acometera a obra que garantiran a seguridade viaria. Mais a volta de 10 meses aínda non se fixo nada”

20160603_mendanhadeneyra2

Así mesmo, lembrábamoslle nesa altura ao Executivo local que con data 11 de agosto de 2015 (á volta de tres anos e medio da primeira solicitude presentada pola veciñanza, e sen terse solucionado as deficiencias e carencias detectadas) a A.VV. dos Anxos víase na obriga de presentar nova solicitude esixindo foran amañadas, sinalando a súa emerxencia, e co único fin de velar pola seguridade das persoas e pola seguridade viaria.

O Goberno municipal contestou ás nosas preguntas argumentando que tiña previsto solucionar as deficiencias sinaladas pola A.VV. Os Anxos, que o prazo de actuación serían os “próximos meses” e que no “proxecto construtivo resolveríanse todas as cuestións relativas” ao mobiliario urbano e acondicionamento da rúa que se propoñían e que solicitaban unha actuación inmediata en seguridade viaria. Porén, hoxe, 8 meses despois das respostas, e case 10 meses desde a formulación das preguntas, a rúa Mendaña de Neyra segue no mesmo estado no que se atopaba e que motivaba as denuncias veciñais. É por iso que realizamos esta iniciativa.

Así, inquirimoslle ao Goberno Municipal se ten xa algún proxecto para a urbanización definitiva da rúa Mendaña de Neyra na súa intersección coa avenida da Universidade e se no proxecto está incluído un paso peonil que facilite o paso na rúa Mendaña de Neyra e o acceso á contorna do centro ExpoCoruña, e se este proxecto foi consensuado e consultado coa veciñanza da zona, nomeadamente coa A.VV. Os Anxos.

“Por último tamén nos interesamos por saber cando comezarán a executarse as obras e cales son os prazos de execución e, mentres non se executa, se se ten pensado realizar algunha medida provisional para garantir a seguridade peonil da zona, como por exemplo, colocar un paso para peóns provisional.”, conclúe a nosa concelleira Avia Veira.

A Coruña, 3 de xuño de 2016

Volvemos a reclamar actuacións na rúa Mendaña de Neyra