O viveiro de empresas da Cámara de Comercio podería custarlle ao Concello 1 millón e non 200.000
A Coruña, 29 de novembro de 2013.- O novo viveiro de empresas, froito do convenio de colaboración entre o Concello, a Cámara de Comercio e a Fundación INCYDE, aprobado esta mañá en Xunta de Goberno Local, podería pasar de custarnos 200.000 euros a 1 millón de euros. A cláusula cuarta do convenio recolle que o financiamento do convenio ascende a 1 millón e que o Concello asume o 20% do total do investimento (200.000 euros). Segundo esta cláusula, o 80% restante será financiado a través da Fundación INCYDE con Fondos FEDER.
Porén, o BNG alude á cláusula décima do convenio aprobado esta mañá polo Goberno do Sr. Negreira para poñer de manifesto que se se o proxecto non for cofinanciábel polo FEDER, o Concello tería que asumir ese millón de euros. A cláusula décima así o apunta: tendo en conta que o proxecto é executado polo Concello da Coruña baixo a súa responsabilidade, e que este é quen desenvolve a acción, conserva a titularidade dos viveiros e recibe o financiamento do proxecto de FEDER, se, pola configuración do proxecto de viveiro a desenvolver, ou por decisións, actuacións ou omisións non directamente imputábeis á Fundación INCYDE, a autoridade de xestión decidise que o proxecto, total ou parcialmente, non é cofinanciábel por FEDER, entón o Concello da Coruña aboaralle integramente á Fundación INCYDE o importe do reintegro que fose acordado, manténdoa indemne dado o seu estrito labor de coordinación.
Sobre este posíbel aboamento do Concello á Fundación INCYDE, o propio interventor sinala que se atendemos á literalidade da cláusula introduce unha certa incerteza en canto á valoración da oportunidade do proxecto e as consecuencias económicas que da mesma poderían derivarse.