O BNG culpa o PP de descafeinar e boicotear o informe da ría do Burgo
A Coruña, 30 de novembro de 2013.- O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, reclama que o informe do Parlamento europeo sobre o estado da ría do Burgo sexa rigoroso e achegue propostas que axuden a acadar o obxectivo polo que tanto levan loitado colectivos como a Plataforma para a Defensa da ría do Burgo: o saneamento e rexeneración integral, unhas actuacións, salienta, capaces de crear numerosos postos de traballo. De feito, segundo datos da Confraría de Pescadores, en só 24 anos, destruíronse máis de 2.000 postos de traballo directos na ría do Burgo, advirte o responsábel comarcal do BNG.
Paulo Carballada lamenta que as reiteradas manobras do Partido Popular na Eurocámara provocaran que o informe aínda non fose aprobado. Primeiro, con distintos tipos de estratexias para adiar a súa elaboración e, despois, con modificacións que levaron a que dúas dos tres parlamentares que formaban parte da visita ás rías galegas desbotaran o informe da presidenta da Comisión de Peticións por ser totalmente parcial e nada ecuánime.
Así, o nacionalista sinala que o PP recortou o contido inicialmente polos relatores da oficiais só para lavarlle a cara ao Goberno de Feijóo e ao Goberno de Rajoy. Precisamente, o informe reduce a responsabilidade das autoridades competentes na loita contra a contaminación. O responsábel comarcal salienta que o descaro do PP foi tal no Parlamento europeo que, ademais de suprimiren os contidos máis críticos do informe, foron retiradas as manifestacións da Xunta de Galiza en que admitía problemas no estado das rías galegas.
O responsábel comarcal do BNG, que anuncia a presentación de alegacións ao informe por parte do Grupo Verdes-ALE, no que está integrado o BNG, pídelle ao PP que deixe de restar e colabore na redacción dun informe xusto e realista.