Carril: "A revisión da concesión da Compañía de Tranvías nunca poderá implicar ampliar a duración"
A Coruña, 26 de setembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, pon de manifesto, en relación ás declaracións do Sr. Prada, que "o BNG tómalle á palabra ao presidente da Compañía de Tranvías para revisar a concesión; agora, esperemos que tamén estea disposto o Goberno municipal".
A este respecto, o portavoz nacionalista advirte de que a revisión "deberá ser para modificar a fórmula polinómica de cálculo das tarifas e mais o sistema de subvencións da Compañía, co fin de evitar, así, a sangría económica do Concello e da cidadanía".
Carril lembra que no acordo plenario do 1 de decembro de 1986 resolveuse outorgarlle á Compañía de Tranvías a concesión do servizo de transporte urbano, unificando as concesións até daquela existentes e aprobando, ademais, o Convenio regulador da concesión (elevado a escritura pública) e o seu Regulamento de Funcionamento.
A revisión deberá ser para modificar a fórmula polinómica de cálculo das tarifas e o sistema de subvencións da Compañía (co fin de evitar a sangría económica do Concello e da cidadanía)
Para a revisión, o portavoz nacionalista alude, entre outros, aos artigos 18 e 20 do Regulamento de Funcionamento desta concesión, que estabelecen que as tarifas se fixarán de acordo cunha fórmula polinómica, en que os factores a considerar son: salarios (55), prezo do gasóleo e lubricantes (12), amortecemento activos (10), IPC (8) e beneficio industrial (15).
E tamén se refire ao disposto no artigo 12.3 do convenio que determina, respecto da revisión tarifaria, que "se aplica como fórmula polinómica a que se indica no artigo 20 do Regulamento de Funcionamento, se ben esta fórmula poderá modificarse se algúns dos parámetros variase". No sistema actual, non se teñen en conta as subvencións millonarias outorgadas polo Concello á Compañía de Tranvías.
No propio acordo plenario de 1 de decembro de 1986, ademais, resolveuse outorgarlle a concesión do servizo de transporte urbano á Compañía de Tranvías até o ano 2024. Neste sentido, Carril advirte de que, no caso de se proceder á revisión, esta nunca pode ser empregada para ampliar a duración temporal da concesión, á que lle quedan 12 anos.