Vence alerta de que o TTIP é un auténtico ataque ao sistema público
A Coruña, 28 de febreiro de 2015- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, advertiu esta tarde de que o Tratado Transatlántico para o Libre Comercio e o Investimento (TTIP), que se está a negociar con total escurantismo e nocturnidade entre a UE e os EUA é un auténtico ataque ao sistema público. Así o salientou en declaracións aos medios antes de comezar a xornada aberta de debate Soberanía e dereito a decidir! A alternativa dos pobos ao tratado de libre comercio USA-UE (TTIP), que se iniciou cun encontro entre o BNG e unha vintena de asociacións sectoriais e veciñais.
Vence, que estaba acompañado polo portavoz do BNG no Concello da Coruña e número 1 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto que os poderes do sistema, interesadamente, renuncian a colocar na axenda do debate social a negociación deste tratado, que implicará moitas modificacións do actual marco regulatorio non só comercial e financeiro, senón tamén no regulamento dos servizos públicos máis básicos.
Nesta liña, alertou de que a UE e os EUA non só negocian cuestións relativas ao libre comercio, senón que ameazan os nosos sectores produtivos que padecerán unha maior liberación comercial-, e ameazan moitas das lexislacións de protección medio ambiental como as que teñen a ver coa agricultura, permitíndolles aos grandes grupos empresariais como Monsanto, que manipulan xeneticamente os alimentos, conquistar Europa pola vía deste tratado. Engadiu a cuestión relativa á propiedade intelectual pois os EUA queren impoñer o seu réxime de propiedade intelectual. Vence fixo fincapé, sobre todo, en que o TTIP vai significar un forte retroceso nos dereitos sociais do pobo, nos dereitos laborais e no acceso aos servizos públicos.
Vence exixe que o pobo se pronuncie e reivindica soberanía para impedir a aplicación do TTIP
O portavoz nacional do Bloque criticou que a negociación do TTIP estea a ter lugar á marxe da opinión pública e exixiu que se lle dea voz ao pobo para que poida pronunciarse sobre unha cuestión que lle vai afectar tanto no futuro. Insistiu en reivindicar a soberanía para impedir a aplicación do TTIP e para poder garantir unhas condicións dignas para o pobo galego.
Vence concluíu a súa intervención ante os medios sinalando que o BNG vai batallar para que este tratado non vaia adiante, pois vai supor un retroceso enorme en dereitos e vai en contra do modelo de sociedade que queremos.
Asemblea Aberta con Xavier Vence, Xosé Manuel Carril, Marisol Mirás e Joseba Permach
A partir das 18.30h, unha vez remate o encontro con organizacións sectoriais e veciñais, comezará a Asemblea Aberta de debate sobre o TTIP, na que intervirán o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, o portavoz do BNG no Concello da Coruña e número 1 da listaxe do BNG-Asembleas Abertas, Marisol Mirás, activista veciñal e número 3 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, e Joseba Permach, responsábel da área socioeconómica de Sortu, integrante de EH-Bildu.