Veira: "O Sr. Negreira enganou as persoas con preferentes cando lles dixo que non ían ter quita"
A Coruña, 3 de abril de 2013.- A concelleira nacionalista Avia Veira acompañou as persoas afectadas pola estafa das preferentes, que se concentraron esta mañá ás portas do Concello. A edila do BNG acusa o Goberno municipal de mentirlles ás persoas con preferentes ao lles asegurar, no Pleno do mes de febreiro, que non estarían afectadas polas quitas. "No BNG xa o advertiramos, ían sufrir quitas, de aí que non apoiaramos a moción, lavado de cara, do Partido Popular", sinala Veira.
A concelleira nacionalista, que cualifica o decreto lei que estabelece a quita como un "acto de violencia económica", alude ao engano reiterado tanto do alcalde da Coruña, como do presidente da Xunta de Galiza como do Goberno central, que demostran camiñar da man da "banca especulativa e depredadora" e non do pobo. Na mesma liña, pon de manifesto que o Sr. Rajoy, o Sr. Feijóo e o Sr. Negreira incumpriron, de xeito flagrante, todas as promesas dirixidas ás persoas estafadas pola fraude das preferentes. "Son uns trileiros, enganaron as persoas con preferentes para gañar votos", denuncia.
Avia Veira sinala que a aplicación da quita, dun mínimo do 43%, supón "un golpe democrático ao pobo", e transmite o rexeitamento máis rotundo do Grupo Municipal do BNG a este saqueo. Advertiu de que este roubo será aínda máis grave, xa que as persoas con preferentes e subordinadas sufrirán unha nova quita cando convertan as accións en líquido.
A concelleira nacionalista, que chama a non tolerar semellante inxustiza e atropelo democrático do Partido Popular, reitera o do Grupo Municipal do BNG ás familias coruñesas afogadas por esta fraude e sinalou que o BNG defenderá na rúa e nas institucións os dereitos destas persoas a recuperar o 100% dos seus aforros. "E é que para nós a única solución pasa pola devolución íntegra dos cartos, en liquidez, e non en produtos financeiros", conclúe Veira, quen engade que as nacionalistas denunciaron sempre a colaboración e a vista gorda do Banco de España, do Goberno central e da Xunta de Galiza diante desa política agresiva e fraudulenta.