O BNG organiza este venres o soterramento do terrorismo machista
A Coruña, 4 de abril de 2013.- O BNG da comarca da Coruña convida a toda a cidadanía a asistir ao enterro do terrorismo machista, que terá lugar este venres, a partir das 20h, desde o Obelisco. Trátase dun acto visual-reivindicativo en solidariedade coas vítimas desta lacra. O cadaleito, que será transportado polas nacionalistas, sairá do Obelisco e pasará pola rúa Real, Bailén, San Nicolás, Panadeiras, o Campo da Leña e pola rúa da Torre, até chegar ao Campo de Marte, onde a comitiva deste enterro será recibido pola asociación VelaLuz.
Deste modo, o BNG trasladaralle todo o seu apoio á asociación VelaLuz, cuxas activistas permanecerán pechadas desde hoxe até o día 8 de abril no local da AVV das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules. Precisamente, o propio venres, ás 11h, o BNG participará no acto convocado por VelaLuz no Campo de Marte, que terá lugar baixo o lema Rachemos o silencio, contra o silenciamento da violencia de xénero na prensa. Tamén está a participar o BNG, representado por Vitoria Louro, responsábel de Acción Feminista, no inicio do peche de VelaLuz que está a ter lugar arestora no Campo de Marte.