O BNG insiste na necesidade de que o Goberno municipal priorice a xeración de emprego

O BNG insiste na necesidade de que o Goberno municipal priorice a xeración de emprego

A Coruña, 2 de abril de 2013.- A concelleira nacionalista Avia Veira puxo de manifesto esta mañá, en resposta ás preguntas dos medios de comunicación, que "malia que o desemprego descendeu no mes de marzo en 192 persoas respecto ao mes de marzo, aumentou en 1.097 persoas respecto a marzo do ano pasado". Isto significa que hai 1.097 dramas familiares máis que hai un ano.

A edila do BNG valora positivamente o descenso do número de persoas en situación de desemprego na nosa cidade, mais lamenta que este descenso non atenúe, nin de lonxe, as 1.197 persoas rexistradas na lista do paro no mes de xaneiro. "Nunha cidade onde o número de persoas desempregadas ascende a 24.282, o Goberno municipal debería ter como prioridade a xeración de postos de traballo", sinalou Veira, quen engadiu que "se o paro baixou non foi grazas ás políticas de promoción do emprego nin de recuperación económica do Partido Popular, que son inexistentes, senón debido ás festas da semana santa".

Avia Veira: "O alcalde pode presionar á Xunta e ao Goberno central para defender os case 200 postos de traballo da fábrica de armas"

Veira vinculou os datos do paro co conflito laboral que sofren os traballadores da fábrica de armas, abandonados á súa sorte polo Goberno central, coa complicidade da Xunta de Galiza e do Goberno municipal. "Se quere, o alcalde pode presionar a Xunta e o Goberno central para defender os case 200 postos de traballo da fábrica de armas", sinala Veira, quen advirte de que o Concello da Coruña pode presionar o Ministerio de Defensa porque ten dereito de reversión dos terreos da factoría e o Ministerio perdería, así, uns terreos que son da súa competencia.

Veira afirma que se finalmente pecha a fábrica de armas, o Concello da Coruña tería que pedir a reversión inmediata para manter o uso industrial desa parcela. Salienta a nacionalista que a Xunta de Galiza, ten moito que dicir, xa que debería poñerse á fronte do conflito e impulsar un plan industrial que leve a produción de Santa Bárbara ao eido civil.

 

 

O BNG insiste na necesidade de que o Goberno municipal priorice a xeración de emprego