As subas do bus aprobadas polo PP provocan que A Coruña sexa das cidades co billete máis caro
A Coruña, 26 de marzo de 2013.- A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) vén de publicar un estudo que revela que A Coruña é unha das cidades do Estado español co autobús máis caro, xunto con Madrid, Huesca, Alicante e Vigo. O Grupo Municipal do BNG responsabiliza o Goberno municipal de estarmos nos postos de cabeza da lista das cidades co bus urbano máis caro. E é que, aínda este ano, o Sr. Negreira aprobou un encarecemento das tarifas do bus urbano que van do 5,8% da tarifa xenérica (até os 1,27 euros), ao 9,3% do bonobús ordinario (até os 0,82 euros), ao 10% do bonobús dos colectivos máis desfavorecidos, como as persoas con discapacidade, desempregados, xubilados e (até os 0,33 euros) e ao 11,1% do bonobús universitario (até os 0,30 euros).
As nacionalistas salientan que está na man do Goberno municipal sacar A Coruña da lista das cidades co bus máis caro. Así, o Grupo Municipal do BNG insiste en reclamar a revisión da concesión da Compañía de Tranvías (en base ao artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña) e, nomeadamente, a fórmula para o cálculo da tarifa (en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión). A normativa, sinalan, permite a revisión da concesión e da fórmula polinómica, de aí que afirmen que sexa unha cuestión de vontade política. Lembran que mentres non se revise a perversa fórmula polinómica as tarifas seguirán a subir.
Ademais de diminuír as tarifas, o Grupo Municipal do BNG tamén esixe melloras no servizo de autobús urbano, co fin de de que as liñas unan os barrios entre si, cos polígonos industriais e cos puntos estratéxicos da cidade.