Veira esixe a restitución do convenio de 11.380 coa AVV de Monte Alto
A Coruña, 21 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG oponse ao peche da biblioteca pública situada no local da A VV das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, motivado pola supresión do convenio de 11.380 euros que mantiña o Concello coa asociación. A concelleira nacionalista Avia Veira sinala que é un deber do Goberno municipal apoiar o tecido veciñal e non castigalo con decisións sectarias. Insiste en que os motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a eliminar o convenio de 11.380 euros foron puramente ideolóxicos. Para a nacionalista, esta manobra é un castigo do PP a esta entidade veciñal pola súa rotunda oposición á mamotretada de Durmideiras. Non queren pechar Monte Alto polos recortes senón porque lles sobra a cultura, sóbralles a veciñanza, sóbranlles as opinións contrarias ás súas barbaridades, sóbralles a democracia e a participación veciñal, sinala Veira.
O Grupo Municipal do BNG lamenta que mentres o Goberno do Sr. Negreira lle outorga 8.000 euros á asociación de veciños e comerciantes de Monte Alto, que tan só conta con 6 meses de vida, decida deixar sen o convenio de 11.380 euros que o Concello da Coruña mantiña coa A VV das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules desde o 1984. E isto, malia ser consciente o Goberno municipal de que a eliminación deste convenio suporía o peche da biblioteca, e tamén o despedimento da persoa que atende este equipamento que cada día empregan máis de 60 persoas, conclúe a concelleira nacionalista.