Veira denuncia que O Birloque fica aínda máis illado polas deficiencias do transporte público
A Coruña, 30 de xaneiro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira visitou esta mañá o barrio do Birloque, onde se reuniu co presidente da Asociación de Veciños e Veciñas "Os Anxos", Ramón Mañana, para recoller as deficiencias do transporte público nesta zona "completamente illada", ben polas obras, ben polo deseño urbanístico. En declaracións aos medios, Avia Veira, que se comprometeu a presentar unha batería de iniciativas sobre o transporte público no Birloque, puxo de manifesto o grande impacto que ten na zona o encarecemento inaceptábel das tarifas do autobús. "En primeiro lugar, porque O Birloque conta cunha gran densidade de vivendas sociais e de persoas maiores e, en segundo lugar, porque está illado, polo que se fai indispensábel un bo transporte público", sinalou.
Nesta liña, Veira apelou a revisar a fórmula polinómica coa que se calculan as tarifas, "unha fórmula perversa que fai que o prezo do bus sexa cada ano maior". "É terríbel que o encarecemento lles afecte máis as persoas máis necesitadas", advertiu. E, a continuación, citou unha serie de deficiencias que "aínda fan máis escandaloso o encarecemento dos billetes".
A concelleira do BNG recolleu as demandas do presidente da A VV "Os Anxos" e deu conta de eivas como a falta de marquesinas en boa parte da cidade, o seu deseño, que non impide que a xente se molle, ou a falta de iluminación. Tamén expuxo que os indicadores están situados a unha altura que dificulta a lectura dos e das usuarias e que non dan conta das horas aproximadas de paso, que as paradas non están acondicionadas, que os autobuses non están adaptados ás persoas con mobilidade reducida ou que o sistema hidráulico non funciona de xeito automático. "Non é de recibo que as persoas maiores e con mobilidade reducida teñan que ir sempre acompañadas doutras persoas que as axuden a subir e baixar do autobús e que teñan que subir un chanzo de medio metro para sentar", apuntou.
Pola outra banda, Avia Veira denunciou que o transporte público colectivo urbano "está peor que hai un ano". "A supresión do carril bus e o estabelecemento da vía prioritaria empeorou o servizo, tanto que até os e as condutoras dos buses teñen que conducir máis rápido para cumprir unhas frecuencias que a todas as luces son irreais", advertiu. "O billete do bus está máis caro e, para máis, o servizo está peor", salientou Veira, quen reclamou a revisión da concesión da Compañía de Tranvías para abaratar as tarifas e mellorar o servizo, con novas liñas que unan os barrios entre si e cos puntos estratéxicos da cidade.
"O Goberno municipal tennos illados"
Ramón Mañana, presidente da asociación de veciños, denunciou a escaseza de buses en Joaquín Planells, onde apenas hai frecuencias, nas Rañas, onde nin soben os buses, ou en Someso, onde pasa un bus cada hora. "Téñennos illados", subliñou, "é coma se non pertencésemos á cidade... se non nos queren aquí, teremos que montar un concello propio", ironizou.
O responsábel da entidade veciñal apostou por un transporte público sen lucros polo medio, "o transporte ten que ser para lles prestar servizo os veciños e veciñas, non para o negocio dunha empresa".
Por último, lamentou o pasotismo do Goberno municipal. "Seguimos esperando por unha reunión coa concelleira de Mobilidade, que non nos recibe". "O Goberno do Sr. Negreira só conta coas asociacións de veciños que o PP acaba de crear", concluíu.