O BNG pedirá en Pleno a retirada do anteproxecto da LOMCE e o apoio á folga estudantil
A Coruña, 29 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG levará a Pleno unha moción que reclama a retirada do anteproxecto da LOMCE, a mal chamada Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, unha lei que recupera as reválidas dos anos 60, reforzará a relixión e centralizará o ensino. Tamén insta a Corporación Municipal a adherirse ao Manifesto aberto na defensa do ensino público galego e a apoiar a folga estudantil convocada para o 6 de febreiro contra a LOMCE e en defensa do ensino público.
A concelleira nacionalista María Xosé Bravo denuncia que a LOMCE "representa unha involución ao modelo fracasado do franquismo" e "supón a imposición dun modelo educativo sectario e elitista". "Trátase da plasmación da ideoloxía do Partido Popular no ensino: debilitalo ao máximo para ser menos público, menos democrático, menos galego e cunha menor calidade", advirte. "O Ministerio de Educación pretende con esta Lei privatizar e elitizar o ensino, españolizalo, recentralizalo e cedelo en exclusiva ao poder da Igrexa Católica", engade.
O modelo do franquismo: reválidas para limitar o acceso á universidade e cheque en branco para a Igrexa
A concelleira do BNG sinala que a contrarreforma do ministro Wert recupera as reválidas dos anos 60, no remate do sexto curso de primaria, de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato. "Poráselles máis trabas á promoción, limitarase ao máximo o acceso á universidade e favorecerase acceder canto antes a un precario mercado laboral", alerta. Bravo expón que estas reválidas serán corrixidas por profesorado alleo ao centro e os contidos e os criterios de avaliación serán determinados en exclusiva polo Ministerio de Educación.
Ademais, critica que a LOMCE reforza o horario da relixión, garantirá que a materia de relixión chegue ao Bacharelato e teña como alternativa unha materia forte e avaliábel para garantir así o máximo número de matriculacións. "A materia de relixión terá o mesmo peso que, entre outros, filosofía e terá unha maior consideración que, por exemplo, a lingua e a literatura galega", denuncia. "O PP quere, así, converter a Igrexa Católica na principal patronal no ensino", alerta.
Tamén salienta que a LOMCE centralizará o ensino, convertendo a Xunta de Galiza nunha mera executora das decisións que desde o Goberno central se tomen. "Perderanse todas as competencias que estatutariamente ten reservadas a administración galega en materia de educación", sinala.
A nivel universitario, Bravo advirte de que a Lei de Universidades do PP supón unha privatización encuberta da universidade pública. Tamén alude aos constantes retrocesos nas condicións de acceso e permanencia na universidades galegas, cada vez máis restritivas, aumentos abusivos das subas dos prezos das matrículas e reducións nas bolsas para a axuda ao estudo.
O PP reduce 150 millóns de euros no ensino público e transfire máis de 230 millóns ao privado concertado
As medidas anteriores, sinala, veñen acompañadas dunha nova redución orzamentaria que busca unicamente afogar economicamente o ensino público e rematar coa autonomía universitaria.
Advirte Bravo de que o PP reduce 150 millóns de euros no ensino público e transfire máis de 230 millóns ao privado concertado. "Queren converter os centro de ensino e as universidades en comparsas do desmantelamento da rede pública de ensino", conclúe.
O BNG apoia a concentración deste xoves contra a LOMCE
O BNG da Coruña anuncia o seu apoio á concentración da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra a LOMCE. Terá lugar este xoves ás 19.30h, na Praza de Pontevedra.