Veira: "A Coruña ten que deixar de ser a capital da simboloxía franquista"
A Coruña, 9 de xaneiro de 2012.- En resposta ás preguntas dos medios, a concelleira Avia Veira volveu amosar a satisfacción do BNG pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza dada a coñecer onte polos nacionalistas que desestima o recurso de apelación interposto contra a Sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña de 16 de xaneiro de 2012, que consideraba válida e legal a decisión do Concello da Coruña de retirar no seu día os honores e distincións a Juan Canalejo.
"Con esta xa son tres as setenzas ditadas polo TSXG que amparan as decisións do Goberno anterior de retirar honras e distincións ás persoas que o franquismo quixo ensalzar por méritos que non casan coa democracia", lembrou. Porén, advertiu de que queda pendente a resolución do Superior sobre Millán Astray, por iso apelou á prudencia na interpretación da xurisprudencia do Tribunal.
"O Goberno municipal púxose do lado dos verdugos"
Veira esixiu que A Coruña "ten que deixar de ser a capital da simboloxía fascista" e apuntou que nos "atopamos ante un caso insólito na historia do municipalismo do Estado". E é que, tres anos despois, segue sen cumprirse o acordo plenario do 7 de setembro de 2009 de retirar máis de 50 símbolos franquistas, entre eles 23 rúas da cidade. Lembrou Veira que o Concello ten autonomía total e absoluta para conceder e retirar distincións.
A concelleira nacionalista apelou tamén ao Pleno de setembro de 2011, en que o Goberno municipal "se posicionou do lado dos verdugos" ao tombar a moción presentada polo BNG, a instancias da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, para condenar a ditadura franquista, para retirarlle honras e distincións a fascistas e a retirar a simboloxía franquista da cidade. "O PP tolera, sen complexos, que A Coruña sexa a capital da simboloxía fascista, máxime logo de pórse do lado dos verdugos e non dos demócratas", sinalou. "Tampouco estraña se temos en conta que o Sr. Negreira declarou que Millán Astray era un coruñés de pro", salientou. "É vergoñento que o alcalde dunha cidade como A Coruña xustifique a un fascista como unha persoa con valores e como un exemplo para as xeracións futuras", concluíu.