O BNG empraza o Goberno municipal a esixirlle ao Porto que prohiba as descargas a ceo aberto
A Coruña, 9 de xaneiro de 2012.- A concelleira nacionalista Avia Veira presentou unha pregunta para a resposta escrita en que denuncia novas descargas a ceo aberto no porto da Coruña, unha práctica que está a prexudicar a saúde de veciños e veciñas dos Castros. Precisamente, persoas que habitan neste barrio puxéronse en contacto co Grupo Municipal do BNG para advertirlle de que segue sen resolverse o problema das descargas de carbón e de graneis fóra da medusa.
Non é a primeira vez que as nacionalistas, a instancias da veciñanza, instan o Goberno municipal a mediar coa Autoridade Portuaria para poñerlle fin a estas descargas que se fan sen ningunha medida de seguridade, tal e como ten denunciado a A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros. Veira considera inaceptábel que tanto o Goberno municipal como a Autoridade Portuaria sinalaran, nas anteriores ocasións, que se trataba dun asunto puntual, "á vista está que as descargas a ceo aberto están a ter lugar cada poucos meses no porto da Coruña".
As nacionalistas consideran que o comportamento da Autoridade Portuaria debería ser sancionado, ao poñer os intereses económicos inmediatos por riba da saúde. Sinalan así que tanto o Goberno do Sr. Negreira como a Xunta de Galiza deberían estar vixiantes para evitar estas prácticas prexudiciais para os veciños e veciñas dos Castros.
Neste contexto, Veira pregúntalle ao Goberno municipal se ten coñecemento destas novas descargas, se ten previsto adoptar medidas para evitalas e se se vai poñer en contacto coa Autoridade Portuaria e coa Xunta de Galiza para esixir o cumprimento da normativa medioambiental. Tamén pregunta a concelleira do BNG se ten pensado o Goberno municipal sancionar a Autoridade Portuaria polas repetidas descargas a ceo aberto