Veira amósalle @s desaloxad@s do Ofimático o apoio do BNG
A Coruña, 4 de decembro de 2012.- A concelleira do BNG Avia Veira participará esta tarde na asemblea convocada polas persoas afectadas polos inminentes desaloxos do Ofimático, que non teñen garantido o seu dereito a unha vivenda. A nacionalista amósalle a este colectivo o apoio do BNG, que a semana pasada denunciaba a persecución do Goberno municipal cara a estas persoas.
Veira, que ve un disparate a execución dos desaloxos cando o Goberno do Sr. Negreira non garante nin sequera a viabilidade das dotacións de servizos, equipamentos ou infraestruturas no Ofimático, considera que os e as concelleiras do PP deberían porse do lado das persoas desaloxadas e non amendrentalos coa policía.
A concelleira do BNG lembra que a policía local acudiu á concentración pacífica convocada pola veciñanza para identificar os participantes co fin de intimidalos e facelos calar. "O único que queren estas persoas é facer visíbel a inxusta situación que padecen", sinala. Veira amosa o apoio dos nacionalistas a estas mobilizacións, nas que ten participado a propia concelleira e o portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril.