O BNG insta o Goberno municipal a reaxir e a revisar a concesión da Compañía de Tranvías

O BNG insta o Goberno municipal a reaxir e a revisar a concesión da Compañía de Tranvías

A Coruña, 4 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG empraza a Concellaría de Mobilidade a deixarse de pregarlle á Compañía de Tranvías sensibilidade e a reaxir para poñerlle fin ao aumento continuado de tarifas do autobús urbano, que esta mañá admitiu o Goberno municipal. Así, os nacionalistas instan o Goberno do Sr. Negreira a revisar a concesión outorgada en 1986 á Compañía de Tranvías e, en especial, do seu sistema de cálculo das tarifas, que beneficia, en exclusiva, a empresa.

Os nacionalistas consideran un abuso volver subirlle o prezo do billete do autobús ás persoas usuarias e poñen de manifesto que o Goberno municipal non pode tolerar o encarecemento do billete un ano máis, consecuencia da sangría que provoca esta fórmula de cálculo. Por iso, o Grupo Municipal do BNG, que presentou en Pleno mocións, rogos e preguntas orais neste sentido, pídelle ao Goberno unha reacción inmediata para a revisión da concesión e da fórmula de cálculo da tarifa, que non contempla as subvencións municipais (o compoñente de subvencións municipais sobre os ingresos da empresa é maior cada ano). Consecuencia da campaña realizada o pasado ano polos nacionalistas contra o encarecemento do billete, máis de 3.000 persoas tamén solicitaron a revisión da concesión e da fórmula de cálculo.

O Grupo Municipal do BNG lembra que os orzamentos de 2013 blindan as achegas económicas do Concello á Compañía de Tranvías e advirte de que o propio interventor do Concello sinala no seu informe que “non se trata tanto dunha subvención directa a favor dos beneficiarios (usuarios do transporte) como dunha asunción por parte do Concello de parte do prezo do billete a través dos recursos xerais e propios do Concello. Polo tanto… a transferencia non se efectúa ao auténtico beneficiario senón ao concesionario do servizo”.

 

O BNG insta o Goberno municipal a reaxir e a revisar a concesión da Compañía de Tranvías