Veira acusa o PP de facer oídos xordos ás propostas presentadas polo BNG para frear os despexos

Veira acusa o PP de facer oídos xordos ás propostas presentadas polo BNG para frear os despexos

A Coruña, 5 de marzo de 2013.- A concelleira Avia Veira acusou o Goberno municipal de facer oídos xordos ás variadas propostas presentadas polo Grupo Municipal do BNG para frear os desafiuzamentos na nosa cidade. "Lembrámoslle ao Goberno do Sr. Negreira, que onte nos reclamaba propostas contra os despexos, que xa levamos presentadas varias iniciativas ao respecto, unha delas, a moción para a dación en pago, aprobada en Pleno o 03.10.2011 por unanimidade e da que nada sabemos", apuntou esta mañá Veira en rolda de prensa. A concelleira nacionalista sinalou que o BNG non ten coñecemento de ningún paso dado polo Goberno muncipal para cumprir os acordos contemplados nesta moción das nacionalistas en que se instaba o Goberno do Estado a impulsar unha reforma lexislativa en materia civil, hipotecaria e procesual que recollese a dación en pago, unha moratoria adaptada á nova situación económica, a transformación da hipoteca en alugueiro ou a condonación parcial do crédito.

Ademais, Avia Veira lembroulle ao Goberno municipal que o pasado mes de decembro rexeitou debater unha moción levada a Pleno polo BNG, elaborada conxuntamente coas plataformas STOP DESAFIUZAMENTOS e ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS, na que ademais de recoller actuacións a realizar polo Goberno central e pola Xunta de Galiza, incluía unha batería de medidas a acometer desde o Concello da Coruña. "Moi mala memoria ten que ter o Goberno do Sr. Negreira para non lembrarse de que hai escasamente tres meses lle propuxemos esixirlles ás entidades bancarias a paralización dos desafiuzamentos en marcha; prescindir dos servizos que lle prestan ás entidades bancarias ao Concello da Coruña non caso de non colaboración e sempre e cando sexa posíbel e non prexudique a cidadanía e a creación dunha comisión especial para atender os casos de desafiuzamentos, composta por técnicos municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos", afirmou Veira.

Precisamente, a creación desta comisión municipal protagonizou no Pleno ordinario de onte unha das preguntas orais formuladas polo BNG. "Esta comisión, desprezada polo concelleiro de Servizos Sociais, tiña como obxectivos o outorgamento de axudas ao aluguer e á alimentación e evitaría o corte de subministros de auga, luz e gas". Puxo como exemplo Veira o caso de Culleredo, onde está operativa esta comisión con moi bos resultados e coa suspensión de despexos. Dela forman parte, ademais do Goberno municipal e dos grupos da oposición, entidades veciñais, a Plataforma STOP DESAFIUZAMENTOS, ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS, ACCEM, ADICAE e Cáritas.

 

A covardía do PP levou os concelleiros a nin permitirnos discutir a moción en que pediamos que os e as bombeiras non participasen en desafiuzamentos nin embargos

Tamén estaba na man do Goberno municipal debater e aprobar a moción levada a Pleno polo BNG para que os bombeiros e bombeiras do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento da Coruña non participasen en desafiuzamentos nin embargos. "Ao PP impórtalle tanto este drama que, facendo gala da súa covardía, nin sequera deixou discutir a iniciativa", ironizou Veira, que lembrou que a iniciativa do BNG se basea no acordo da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galiza e na relación de postos de traballo do Concello. "Entre as funcións dos traballadores e traballadoras do parque municipal de bombeiros non se atopa a participación en despexos", advertiu a concelleira nacionalista.

"Desde o BNG estamos a facer propostas, e propostas factíbeis desde o eido municipal que xa están a desenvolverse cun moi bo resultado noutros concellos, mais ao PP parece non interesarlle pórlle fin ao desamparo das persoas e das familias que se atopan nunha situación económica extrema", sinalou. "Tampouco nos estraña o pasotismo do Partido Popular da Coruña para parar esta inxustiza social cando no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados botaron abaixo a proposición de lei contra os despexos impulsada polo BNG", engadiu.

Veira acusa o PP de facer oídos xordos ás propostas presentadas polo BNG para frear os despexos