A reforma laboral aplaudida por Negreira deixou 2.000 desempregad@s máis na cidade da Coruña
A Coruña, 5 de marzo de 2013.- A última reforma laboral, aprobada por decreto lei hai apenas un ano polo Goberno do Sr. Rajoy e celebrada polo seu palmeiro, o alcalde da Coruña, custoulle á nosa cidade un total de 1.953 persoas desempregadas máis. A concelleira Avia Veira lamenta que a pesar destas cifras a concelleira de Emprego se gabara onte, na sesión plenaria, dos datos do desemprego, que este mes baixou en 35 persoas na cidade da Coruña. Este descenso non atenúa, nin de lonxe, as 1.197 persoas rexistradas nas listas do paro no mes de xaneiro.
Avia Veira advirte de que a reforma laboral do PP, cualificada como imprescindíbel, hai xusto un ano, polo Sr. Negreira, aínda é máis agresiva contra a clase traballadora que a reforma laboral do PSOE e amosa que, unha vez máis, o Partido Popular e o Sr. Negreira van da man da patronal e non do conxunto do pobo.
As cifras do desemprego que coñecemos cada mes, xunto coas estimacións de persoas, sobre todo mozas, que se ven na obriga de emigrar, son a proba máis palpábel de que a obediencia do PP ás teses máis neoliberais só están a agravar a crise.
Salienta Veira que ningunha das reformas laborais realizadas recentemente serviron para crear emprego, ao revés, só contribuíron a precarizar o emprego existente e a abaratar o despido. Censura tamén que a reforma laboral do PP afondará aínda máis nos prexuízos das anteriores reformas, rematará cos convenios colectivos e destruirá os dereitos laborais e sociais polos que houbo que loitar durante décadas.