Valencia pide reforzar a limpeza nos patios escolares tras as fins de semana
A Coruña, 3 de outubro de 2012.- A concelleira nacionalista Ermitas Valencia vén de presentar un rogo para que o Goberno municipal abandone o desleixo nas súas funcións e para que adopte as medidas necesarias de cara a reforzar a limpeza nas zonas de recreo dos colexios tras as fins de semana.
Os últimos luns o patio do CEIP San Pedro de Visma amenceu con restos de botellón, incluídos cristais. Precisamente, este pasado luns, un neno de nove anos resultou ferido con cortes nas pernas ao xogar na zona de recreo do colexio logo do comedor. Para que esta situación non se repita, a concelleira do BNG insta o Goberno municipal, que é quen ten as competencias, a pórse a traballar e a reforzar a vixilancia para evitar que persoas alleas aos centros entren nos patios escolares a facer botellón durante as fins de semana. A Administración local, insiste a nacionalista, non pode ficar á marxe e ten que garantir a seguridade do alumnado.
A falta de limpeza derivada polos efectos do botellón foi motivo de denuncia do BNG nas últimas semanas, dada a actitude pasiva e a falta de previsión do Goberno municipal.