O PXOM aprobado provisionalmente non inclúe contorno de protección ao Castelo de Santo Antón
A Coruña, 2 de outubro de 2012. A sentenza de 17 de setembro de 2012 que hoxe deu a coñecer o BNG pon de manifesto que a falla de delimitación do contorno de protección do Castelo de Santo Antón é un baleiro que determina que nin Consellaría de Cultura nin o propio Concello teñan competencias en materia de protección de patrimonio cultural no entorno do Castelo de Santo Antón.
Nin o Plan Especial de Protección da Zona Vella (PEPRI) de 1998, actualmente vixente, nin o PXOM aprobado provisionalmente o pasado 6 de agosto, inclúen un ámbito de protección do Castelo de Santo Antón, declarado desde 1949 Ben de Interese Cultural (BIC), polo que nin a Xunta de Galicia nin o propio Concello de A Coruña teñen potestade sancionadora en materia de protección do patrimonio cultural en terreos que formen parte do dominio público portuario.
O PEPRI da Zona Vella non incluíu a ficha do Castelo de Santo Antón, na que debería figurar o seu contorno de protección, por un erro, tal e como consta no Informe municipal ao PXOM, previo á aprobación de agosto.
E o novo PXOM tampouco o inclúe xa que, segundo este Informe, Patrimonio-Xunta e Concello acordaron non facelo (unicamente se inclúen os restos arqueolóxicos, pero non a ficha arquitectónica do edificio), e remitir tal cuestión ao novo PEPRI (actualmente en tramitación, pero que aínda non foi aprobado inicialmente), a pesar de que no Informe da D.X de Patrimonio de 30/12/2010 requiríase expresamente ao Concello para que si se incluíse a ficha do Castelo no PXOM.
O Grupo Municipal do BNG advertiu reiteradamente que o contorno dos bens declarados BIC debería figurar nos instrumentos de planeamento urbanístico. Así o fixo constar no trámite de alegacións ao Estudo de Detalle do Parrote, xa aprobado, e tamén o alegou no período de exposición ao público dos Plans Especiais do Porto e da Mariña, en trámite.