O BNG chama a cidadanía a manifestarse coa CIG para "pararlle os pés ao PP"
A Coruña, 3 de outubro de 2012.- O BNG da Coruña anima a cidadanía da Coruña a mobilizarse coa CIG na manifestación que percorrerá as rúas coruñesas, mañá, xoves, ás 20h, con saída da Praza Vigo. O BNG, que estará representado polos candidatos e candidatas da comarca ao Parlamento galego, polos concelleiros e concelleiras da comarca e por cargos orgánicos e militantes, anima a veciñanza a amosar o seu descontento e rexeitamento ás políticas de recortes aplicadas polo PP.
A mobilización terá lugar mañá, xoves, con saída ás 20h da Praza de Vigo
Así, os nacionalistas apelan a "pararlle os pés" a Feijóo e ao seu partido, dado que o balance da xestión do PP no Goberno da Xunta foi nesfasto, con graves prexuízos que empeoraron a calidade de vida dos galegos e galegas. Na mesma liña, o BNG denuncia a pasividade do Goberno de Feijóo ante o deterioro dos nosos sectores produtivos e ante a sangría do paro que está a afogar a Galiza e á Coruña.
Neste sentido, os nacionalistas apuntan que en Galiza hai xa máis de 275.000 persoas desempregadas, das que 160.000 pasaron a engordar as listas do paro na "era Feijóo·. A cidade non se salva dos "logros" do PP para acabar co desemprego, xa que desde que Feijóo asumiu a presidencia da Xunta o número de persoas en paro aumentou na Coruña un 26%.