Valencia acusa o Sr. Negreira de mentirlle á veciñanza de Palavea coa pasarela

Valencia acusa o Sr. Negreira de mentirlle á veciñanza de Palavea coa pasarela

A Coruña, 6 de outubro de 2012.- No seu camiño ao longo de todos os barrios da cidade, a campaña do BNG da Coruña recalou esta mañá en Palavea, onde os nacionalistas repartiron material informativo coas alternativas á miseria e ao paro creados polo PP e onde celebraron un mitin-coloquio cos veciños e veciñas.

A concelleira Ermitas Valencia abriu o mitin denunciando o engano do Sr. Negreira sobre a pasarela de Palavea. “O alcalde prometeu que a pasarela de Palavea estaría concluída en ano e medio e case ano e medio despois non temos nin a primeira pedra”, advertiu. “E é que malia prometer a amiga do Sr. Negreira, a ministra de Fomento, 700.000 euros para os orzamentos de 2012, deu a metade, sen que for executada esa partida e para os orzamentos de 2013, máis do mesmo”, criticou. “Non imos ter pasarela nin até o 2014”, salientou

Tamén reprobou Valencia a actitude do alcalde cando, a unha pregunta oral formulada en Pleno polo BNG, o Sr. Negreira dicía que a pasarela non era da súa competencia. “E iso que a prometera nun marabilloso Power Point nun máximo de ano e medio”, engadiu.

Louro apela á soberanía “para que as grandes empresas, como Inditex, paguen os impostos en Galiza e axuden a saír da crise”

Pola súa banda, a candidata Vitoria Louro comezou co balance do mandato de Feijóo: “Galiza non está peor que hai 4 anos, Galiza retrocedeu nunha década por culpa do PP e de Feijóo”, alertou. “Prometeu que ía acabar co paro en 45 días, e o que temos hoxe en día son: case 300.000 persoas no desemprego, máis de 100.000 persoas sen ningún tipo de subsidio, máis de 600.000 persoas que viven baixo o limiar da pobreza, máis de 100.000 persoas na indixencia ou 60.000 mozos e mozas na emigración”, apuntou. “Podemos resumilo en: paro, precariedade e miseria”.

Tamén aludiu Louro aos ERE na comarca: “asinar ERE ten premio: o número 1 do PP pola Coruña, Beatriz Mato, que está a converter A Coruña nun deserto industrial”. Citou os casos de Bunge Ibérica, Atento, Sykes, Caramelo, Mafecco, Industrias Caamaño. Emesa, Emesa Trefilería... e referiuse á complicada situación que viven os traballadores de Alcoa polo “pasotismo” do Sr. Negreira, do Sr. Feijóo e da Sra. Mato.

“A alternativa a esta miseria só pode vir dunha forza nacionalista e de esquerdas, e a única forza nacionalista e de esquerdas, que mira polo país e que defende as maiorías sociais é o BNG”, exclamou. “Só con soberanía, democracia, defensa dos servizos públicos e traballo poderemos saír da crise con xustiza social”, apuntou. Na mesma liña, puxo de manifesto a necesidade de poñer o país a producir co impulso dos nosos sectores produtivos. “Non é certo que Galiza sexa pobre, Galiza dálle máis en impostos ao Estado do que recibe e Galiza ten recursos de seu para crear emprego”, apuntou.

Nesta liña, apelou á proposta do BNG para unha reforma do financiamento autonómico e dunha reforma fiscal para que paguen máis as persoas que máis teñen. “Non é de recibo que empresas como Inditex non paguen o Imposto de Sociedades en Galiza, desde o BNG promoveremos que as grandes empresas paguen os impostos no país para que contribúan fiscalmente á saída da crise”, salientou. “Gobernemos nós a nosa terra, votade BNG”, concluíu a candidata do BNG facendo referencia ao lema de campaña dos e das nacionalistas.

 

 

Valencia acusa o Sr. Negreira de mentirlle á veciñanza de Palavea coa pasarela