O túnel de Meirama a Cecebre só serve para beneficiar os intereses da concelleira de Cultura
A Coruña, 31 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o túnel que conectará o lago artificial de Meirama e Cecebre antes de que se complete o enchido da antiga mina, cuxo custo ascende a 10 millóns de euros, é completamente innecesario e só serve para facer rendíbel e beneficiar a empresa Mincentrales Eléctricas de Galicia, na que ten intereses a concelleira de Cultura, Ana Fernández. E é que o abastecemento de auga na cidade e na comarca é suficente. De feito, o encoro de Cecebre nunca chegou ao nivel de emerxencia, tal e como revela o Plan da Seca da Xunta de Galiza.
Malia as repetidas denuncias evidenciadas polo BNG, a minicentral que provoca a construción deste túnel de 10 millóns de euros foi negada até a saciedade polo Goberno municipal. Porén, os enganos e as mentiras do Goberno do Sr. Negreira ficaron en evidencia logo de que a Xunta de Galiza emitira a 27.05.2013 unha resolución na que dá luz verde á avaliación ambiental do proxecto de Mincentrales Eléctricas de Galicia para o aproveitamento hidroeléctrico da presa de Cecebre.
O Grupo Municipal do BNG alerta de que a minicentral relacionada cos negocios da Sra. Ana Fernández vai provocar a morte do río Mero. A minicentral e mais o túnel, que afectan a un espazo protexido e a especies catalogadas, provocarán o incumprimento do rexime de caudais mínimos e impedirán o ascenso e descenso de peixes como o salmón atlántico, do reo, da lamprea mariña e da anguía. Ademais, minicentral turbinaría os caudais que se deixan liberar río abaixo e que deberían destinarse a contruír un paso para peixes polo que debería discorrer a auga necesaria.