A supresión do convenio con Distrito V deixará o CC de Labañou sen servizos para a adolescencia
A Coruña, 6 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o centro cívico de Labañou ficará sen poder prestar os programas dirixidos á adolescencia logo de que o Goberno do Sr. Negreira lle suprimira o convenio de 15.000 euros a Distrito V. O propio concelleiro de Servizos Sociais admitiuno ao declarar que esta asociación comunitaria dejará de recibir subvención ya que se doblaban los servicios que habían ellos con los que nosotros dábamos a través del centro cívico. Os nacionalistas lémbranlle ao edil do PP que esas atencións non eran prestadas directamente polo Concello, senón que era Distrito V quen as prestaba en virtude do convenio que o Goberno municipal lles suprimiu.
Os nacionalistas lamentan que o Goberno municipal non apoie esta serie de programas, desde unha perspectiva integral e educativa, dirixidos á adolescencia que prestaba Distrito V desde o centro cívico de Labañou. Láiase o Grupo Municipal do BNG de que o Goberno do Sr. Negreira renuncie a atender as necesidades formativas, sanitarias e de lecer da adolescencia en Labañou.
O Grupo Municipal do BNG presentou a semana pasada unha iniciativa a través da que denunciou a supresión deste convenio e na que lle esixe ao Goberno do Sr. Negreira explicacións, máxime cando xa o pasado ano, Distrito V foi unha das grandes prexudicadas dos orzamentos municipais, ao sufriren unha redución no convenio de 45.000 euros a 15.000.