O BNG preguntará en Pleno polos incumprimentos da Xunta coa Coruña
A Coruña, 7 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG formularán no Pleno ordinario que terá lugar o luns da vindeira semana unha pregunta oral sobre os incumprimentos da Xunta de Galiza coa Coruña. E é que os orzamentos galegos para o 2013 evidencian numerosas promesas incumpridas coa nosa cidade. O caso máis representativo, tal e como teñen denunciado os nacionalistas, é o do metro lixeiro, unha partida habitual nas contas galegas para o que se destinara máis de 1 millón de euros só en estudos.
Ademais dos incumprimentos que poñen de manifesto os orzamentos da Xunta para 2013, o Grupo Municipal do BNG formulará unha pregunta oral sobre a relación do Goberno do Sr. Negreira coas entidades veciñais. Así, os nacionalistas interésanse pola interlocución do alcalde cos colectivos, máxime cando están a xurdir numerosos conflitos de veciños e veciñas co Goberno municipal. Os nacionalistas salientan que o modelo clientelar e arbitrario das concelleiras de barrio do PP non está a satisfacer as demandas nin as necesidades de entidades veciñais.
Por último, os nacionalistas preguntaranlle ao Goberno do Sr. Negreira pola atención á orientación e planificación familiar, dada a situación de incerteza que existe ao redor do centro de orientación familiar do Ventorrillo. A xubilación do único xinecólogo do que dispuña o centro pon en risco a atención de máis de 61.000 mulleres de 37 concellos da contorna. O Grupo Municipal do BNG busca, a través desta iniciativa, que o Concello garanta os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres da cidade.