O BNG exíxelle ao Goberno local que non lle pague á Xunta 315.864
A Coruña, 27 outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG exixiulle esta mañá ao Goberno do Sr. Negreira que non asine o convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar ao que lle quedan só dous meses de vida dada a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais- en virtude do cal o Concello da Coruña lle ten que entregar á Xunta de Galiza 315.864 euros polos centros de día de Eirís e de Monte Alto, dependentes do Consorcio e cuxa xestión é privada. Así, a concelleira María Xosé Bravo denunciou en rolda de prensa que mentres A Coruña lle vai pagar ao Consorcio 315.864 euros, o Consorcio perdóalle a metade da débeda de 50 millóns a un total de 128 concellos e, no caso dos concellos que estean ao corrente nos pagamentos ao Consorcio, devólvelle a metade do achegado.
A edila do Bloque expuxo que a lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta de Galiza para 2015 incorpora un artigo que lle permite aos Concellos pagar só a metade das cantidades que teñen pendentes de pago en relación aos convenios que teñen asinados co Consorcio e, ademais, no caso dos municipios que estean ao día nos pagamentos ao Consorcio, recolle unha dedución do 50%. Lembrou María Xosé Bravo que os orzamentos da Xunta de Galiza foron levados ao Consello da Xunta o mesmo día (o 17.10.2014) que o Goberno do Sr. Negreira, pregándose aos intereses do seu partido, aprobaba en Xunta de Goberno Local a subscrición do citado convenio polo cal o Concello ten que pagarlle ao Consorcio 315.864 euros para o mantemento dos dous centros de día.
Os antecedentes: o anterior goberno negárase a pagarlle nada ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar polos centros de día
María Xosé Bravo lembrou que o convenio de 315.864 euros ten a súa orixe no convenio de adscrición ao Consorcio asinado entre o Concello e a Xunta de Galiza en marzo de 2007, un acordo, salientou, que era de intencións e onde só se recollían as necesidades das dúas administracións de traballar para ter máis servizos na cidade. Deste xeito, non se recollía porcentaxe nin achega ningunha que tivese que pagarlle o Concello á Xunta polos centros de día e polas escolas infantís.
Porén, explicou que desde marzo de 2010, xa co Goberno de Feijóo, a Xunta intenta que o Concello asine un convenio que lle faga pagarlle ao Consorcio o 30% polas escolas infantís proxectadas e polos centros de día. Con todo, salientou, o anterior goberno municipal negouse a facer ese pago ao entender que xa cumpría co Consorcio coa cesión demanial gratuíta de dúas parcelas en Monte Alto e en Eirís para a construcións dos centros de día.
Por culpa deste convenio, os orzamentos de Servizos Sociais caen en 62.457 euros respecto dos orzamentos do ano anterior
A concelleira do BNG denunciou que ao pregarse o Sr. Negreira á Xunta de Galiza, os orzamentos da Concellaría de Servizos Sociais do ano 2014 (que só eran 253.407 euros maiores que os de 2013) fican cun saldo negativo de 62.864 euros respecto dos orzamentos que posuía en 2013. Lembra Bravo que en 2013 os orzamentos de Servizos Sociais foran de 15.370.361 e que en 2014 a cantidade aumentara a 15.570.769, unha cifra que baixa a 15.254.905 euros debido ao citado convenio.