O BNG interésase polas obras na Gaiteira, que ascenden a 1 millón de euros
A Coruña, 13 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unha serie de preguntas para a resposta escrita nas que cuestiona o Goberno do Sr. Negreira pola reforma integral da Gaiteira, cuxo custo se eleva até o millón de euros, un gasto que a A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros considera "excesivo". Veciños e veciñas dos Castros, nomeadamente, habitantes da contorna da Gaiteira, puxéronse en contacto co BNG para amosarlles a súa disconformidade co borrador desta obra. De feito, están a realizar unha recollida de sinaturas no barrio contra o xeito de proceder do Goberno municipal.
Os veciños e veciñas denuncian, principalmente, a construción dunha separación que dividirá a rúa en dous, deseño que prexudicará o pequeno comercio e a hostalaría. Precisamente, os e as habitantes da contorna comparan esta caste de mediana co desmantelamento da medianeira da Avda de Oza, unha obra acometida sen xustificacións técnicas nin legais, só para saciar o capricho electoral do PP.
A concelleira nacionalista Ermitas Valencia faise eco nesta iniciativa das propostas da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros sobre a necesidade de reutilizar o mobiliario urbano que se mantén en boas condicións. A este respecto, ademais de interesarse pola división que vai deixar separada en dúas partes a rúa, a edila pregúntalle ao Goberno municipal se ten previsto manter os elementos mobiliarios.
Por último, Valencia tamén amosa a preocupación do BNG polo pequeno e mediano comercio da Gaiteira e da hostalaría, que se verán realmente prexudicados namentres teñan lugar as obras, que durarán 11 meses. Así, pregunta como ten previsto o Goberno municipal diminuír o impacto da reforma da rúa nestes dous sectores estratéxicos da cidade.