O BNG culpa a Feijóo e a Jove da situación actual de Caramelo
A Coruña, 16 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG culpa o Sr. Feijóo e a Jove da situación inestábel de Caramelo, que vén de solicitar o concurso voluntario de acredores. Ligado a este concurso vai un ERE que afectaría a unhas 400 traballadoras. As nacionalistas advirten de que o anuncio de concurso ratifica o posicionamento do BNG no 2009, cando rexeitaba que o ERE que lle afectou a 237 persoas ía garantir a continuidade do resto dos postos de traballo. Sinalan, ademais, que desde o ERE de 2009, Caramelo seguiu despedindo, aos poucos, persoal, co fin de que os despedimentos pasasen desapercibidos.
O Grupo Municipal do BNG considera que o anuncio do concurso supón un golpe nos fuciños a Feijóo e á conselleira coruñesa, Beatriz Mato, amiga do Sr. Negreira, quen autorizou o ERE no 2009 e quen o defendeu, activamente, ao asegurar que era imprescindíbel para manter o resto dos postos de traballo. As nacionalistas, que lembran que a Xunta ten o 8% de participacións en Caramelo, a través de Sodiga, critican que o Goberno do Partido Popular lle outorgara, a poucos meses de ter lugar o ERE de 2009, un total de 5 millóns de euros en axudas a Caramelo, unhas axudas que estaban condicionadas ao mantemento do nivel de emprego. Obviamente, co anuncio deste concurso, evidénciase que o nivel de postos de traballo non se ía manter.