Someso: o BNG empraza o Sr. Negreira a non escorrer o vulto e deixe de protexer a Paco Vázquez
A Coruña, 7 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG insta o alcalde a non escorrer o vulto no caso Someso e a dar os pasos necesarios para que o Concello se persone como acusación particular no procedemento promovido contra Paco Vázquez polas súas actuacións en Someso. As nacionalistas consideran unha tomadura de pelo que o Sr. Negreira diga agora que non se pode condenar a nadie sin que haya hechos probados cando o propio Goberno municipal recoñece, no informe de 15 de xuño de 2012, que Paco Vázquez participou na venda ilegal de terreos. Precisamente, foi a venda directa do aproveitamento municipal (sen obrigado concurso público) o feito que derivou na apertura de dilixencias por parte do Xulgado de Instrucción número 3 da Coruña, co fin de investigar se houbo trato de favor.
Así, o Xulgado de Instrución número 3 da Coruña está a investigar se esta venda ilegal do aproveitamento urbanístico do Concello da Coruña á Xunta de Compensación do Sector 7 trae causa das relacións que o Sr. Vázquez, nese momento alcalde da Coruña, e o Sr. Fontenla, presidente da Xunta de Compensación do Sector 7, tiñan a través da Sociedade Iglevaz, S.L. Esta sociedade foi creada polo Sr. Fontenla no 1998, da que é administrador único até xaneiro de 2003, que é cando pasa a ser administrador solidario coa Sra. De la Iglesia, esposa do Sr. Vázquez, até 2007. O entón alcalde da Coruña acordara (co seu voto a favor na Xunta de Goberno Local de 30 de setembro de 2005, na que se procede á aprobación definitiva do proxecto de compensación) a venda de patrimonio municipal en Someso sen concurso- á Xunta de Compensación do Sector 7, presidida polo Sr. Fontenla, que era administrador da sociedade familiar Iglevaz, S.L.
Non se trata de condenar nin de facer xuízos paralelos, afirman as nacionalistas, que advirten de que o Sr. Negreira ten coñecemento de que as actuacións de Paco Vázquez figuran no informe municipal de 15 de xuño de 2012 como ilegalidades e infraccións do ordenamento xurídico. Ninguén esta xulgando nada, tan só, afirman as nacionalistas, existen unhas conclusións que recolle este informe municipal avalado polo Pleno da Corporación. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG considera que o Concello debe personarse no procedemento aberto contra o ex alcalde. O anormal, sinalan as nacionalistas, é que, malia recoñecer os feitos irregulares mediante o informe de 15 de xuño de 2012, o Goberno do Sr. Negreira siga pechándose en banda e nin sequera permitira, ademais dos votos contrarios do PSOE, o debate da moción presentada polo BNG en Pleno.