O BNG pide no Parlamento de Galiza garantir os postos de traballo en Teleperformance
A Coruña, 7 de maio de 2013.- O BNG presentou esta mañá no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas nas que reclama a mediación da Xunta de Galiza para garantir os 105 postos de traballo na empresa Iberphone SAU, co nome comercial de Teleperfomance A Coruña. Tamén piden que o Goberno galego inste a Gas Natural Fenosa a rectificar a súa decisión de eliminar a atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial. Ademais, o BNG reclama que a Xunta de Galiza realice as accións precisas para garantir os dereitos laborais das traballadoras da empresa.
Así, en proposicións non de lei para o seu debate en Pleno e en Comisión, así como en pregunta oral para o seu debate en Comisión e pregunta escrita, a deputada Montse Prado e o portavoz parlamentar Francisco Jorquera poñen de manifesto que "coa venda de Unión Fenosa vemos como os nosos recursos naturais xeran beneficios e dividendos fóra de Galiza sen deixar beneficio ningún no noso país". "Agora, tócanos presenciar como se levan tamén os postos de traballo das empresas colaboradoras que foron creados en paralelo ao crecemento da antiga Unión Fenosa", salientan.
Nas inciativas, Prado e Jorquera sinalan que a empresa Gas Natural Fenosa decidiu eliminar a atención ao cliente da Unión Fenosa Comercial desde o vindeiro 1 de xuño de 2013, data en que fará desaparecer a comercializadora e en que trasladará as e os clientes a Gas Natural Servizos. Esta manobra, explican, pon en serio perigo máis de cen postos de traballo na cidade da Coruña.
Na actualidade, expón o Grupo Parlamentar do BNG, a atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial préstase desde Galiza a todo o territorio estatal, mais non é así no caso de Gas Natural Servicios. Así, na empresa Iberphone SAU, co nome comercial de Teleperfomance A Coruña, prestan servizos de atención ao cliente para Gas Natural Fenosa un total de 311 persoas, das que 105 se dedican ao servizo de Unión Fenosa Comercial. Prado e Jorquera lamentan a falta de información que están a sufriren estas traballadoras por parte da empresa, xa que non saben que vai acontecer cos seus postos de traballo a partir do próximo mes.
Os deputados do BNG salientan que as persoas afectadas traballan para este cliente desde hai 21 anos e a propia Teleperformance lle trasladou ao persoal afectado que o Grupo Gas Natural Fenosa está altamente satisfeito co servizo que se presta desde A Coruña e que ambas as empresas tentarán minizar o impacto da decisión empresarial sobre o persoal. Porén, advirten de que, a día de hoxe, aínda non está concretada ningunha medida encamiñada a garantir os postos de traballo nin a minimizar o impacto sobre eles. De feito, sinalan, non se descarta que no futuro se tomen medidas como esta para o resto de servizos que se lle prestan ao cliente.
Por último, o Grupo Parlamentar do BNG apoia o calendario de mobilizacións aprobado polo Comité de Empresa de Teleperformance, co fin de impedir o despido das 105 persoas e de garantir os dereitos laborais das traballadoras.