O BNG propón destinar os 90.000 gastados polo Goberno nas touradas á partida de fomento do emprego
A Coruña, 8 de maio de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira puxo de manifesto esta mañá que non existe xustificación ningunha para que o Goberno municipal manteña este ano a subvención á feira taurina, sobre todo, cando o Partido Popular está a empobrecer a maioría do pobo a través da súa política de recortes. Nunha rolda de prensa, acompañada do responsábel de Galiza, Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, a edila nacionalista presentou unha batería de iniciativas elaboradas conxuntamente con esta plataforma para coñecer se o Goberno do Sr. Negreira ten previsto seguir financiando, pola porta de atrás, a feira taurina.
Entre as iniciativas, Avia Veira salientou un rogo para que o Goberno municipal destine os cartos dilapidados nas touradas á partida destinada aos programas de fomento do emprego. Segundo os datos de Galiza, Mellor sen Touradas, a subvención indirecta do Concello á feira taurina ascendeu a 90.000 euros. Son vostedes mesmos os que cualifican as demandas cidadás como nazismo e os que subsidian que os touros morran afogados no seu propio sangue, advirte a nacionalista no rogo presentado.
O BNG quere saber se o Goberno municipal vai subvencionar as touradas este verán
Ademais, a concelleira do Bloque denunciou, na rolda de prensa, o escurantismo do Goberno municipal sobre a participación nas touradas. Lembrou, ao respecto, que o Sr. Negreira chegou a negar o acceso aos datos da feira taurina do pasado verán, alegando razóns peregrinas só para tratar de ocultarlle á cidadanía en que inviste o PP os cartos públicos. A nacionalista apuntou que o Goberno municipal debería facer partícipe a veciñanza das conversas que poden estar a darse ao redor da feira taurina coa concesionaria e emprazouno a abandonar a actitude escurantista que mantén ao redor das touradas. A opacidade do Sr. Negreira ten a ver co rexeitamento que provoca a feira taurina entre as coruñesas, salientou.
A concelleira nacionalista explicou que nunha pregunta para a resposta escrita interésase sobre se xa tivo lugar algún tipo de comunicación coa empresa concesionaria de cara á posíbel organización das touradas en 2013. Tamén pregunta pola escusa que pensa empregar o Goberno do Sr. Negreira para xustificar a cesión e adaptación de balde de instalacións municipais para realizar as touradas. Non é de recibo que xa coñezamos algún concerto que vai ter lugar nas festas do verán e que saibamos das actividades programadas polo San Xoán e que o Sr. Negreira manteña oculto se vai financiar as touradas pola porta de atrás, como fixo o pasado verán, sinalou.
O Goberno municipal veta a Galiza, Mellor sen Touradas
Ademais, Avia Veira presentou outra pregunta para a resposta escrita na que denuncia o veto ao tecido social antitaurino. O Goberno municipal mantén un veto ideolóxico-político a Galiza, Mellor sen Touradas, un veto que se concreta na negación de diálogo a esta plataforma por parte dos concelleiros que forman parte do equipo de goberno, apuntou.
Por iso, a concelleira do BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira se ten pensado recibir a Galiza Mellor sen Touradas, alianza de diferentes organizacións da que forma parte a Fundación Franz Weber, con representación na UNESCO, e que pretexto ofrece o Goberno municipal para non manter reunións con este colectivo.
Rubén Pérez: Tivo que vir unha persoa de fóra para que o Goberno municipal falara das touradas
Na mesma liña, Rubén Pérez lamentou o veto sistemático do Goberno municipal ao colectivo do que é responsábel e criticou que tivera que vir ao Concello unha persoa de fóra, da Fundación Franz Weber, para poder ser recibida polo concelleiro de Medio Ambiente, dada a negativa do Goberno a atender as solicitudes de reunión de Galiza, Mellor sen Touradas.
O abolicionista, que amosou unha imaxe dun touro torturado durante a feira taurina da cidade, apelou á necesidade de acabar coas touradas na Coruña. O debate xa está no Parlamento de Galiza, despois de que o Grupo Parlamentar do BNG presentara unha iniciativa para a restauración da normalidade lexislativa co fin de que se impidan as touradas en Galiza, sinalou. Rubén Pérez, que solicitou transparencia na xestión do Goberno municipal, puxo de manifesto que o Sr. Negreira vai ter moi difícil xustificar axudas indirectas á tortura de animais coa crise que sufrimos, cando non hai afección e cando cada vez se regalan máis entradas.