O BNG empraza o Goberno municipal a axudar as persoas que se dedican á venda ambulante

O BNG empraza o Goberno municipal a axudar as persoas que se dedican á venda ambulante

A Coruña, 7 de marzo de 2013.- A concelleira Avia Veira emprazou esta mañá o Goberno municipal a asumir o liderado na xestión da venda ambulante e na axuda ás persoas que a practican, sempre en coordenación cos colectivos de inmigrantes e entidades deste ámbito. E é que a policía local sanciona, día si, día tamén, un colectivo de nixerianos que venden panos nos semáforos.

“Estas multas están a ter lugar despois de que estas persoas foran advertidas polo Goberno municipal de que non podían vender nos semáforos e de que lles recomendara acudir ao banco de alimentos, como se o banco de alimentos for á solución ao pagamento do aluguer ou a luz”, apuntou Veira. “O Sr. Flores, que foi un dos que recibiu este colectivo, apuntou o número de telefóno das persoas afectadas, quedou en buscarlles unha alternativa e seguen esperando... a única alternativa do Goberno municipal son a vintena de multas que levan ás costas”, denunciou.

A concelleira nacionalista puxo de manifesto que “no BNG apostamos pola igualdade de dereitos de todas as persoas que viven e traballan na Coruña, tamén das persoas que traballan na venda ambulante”. De aí que Veira inste o Goberno municipal a facilitar procesos de participación, “só desde o diálogo cos afectados se camiñará cara a niveis aceptábeis de convivencia e benestar”.

Avia Veira sinalou que “as multas non son a solución ás dificultades de integración do colectivo inmigrante”. “En coordinación cos colectivos de inmigrantes e entidades deste ámbito, o Goberno municipal ten a responsabilidade de articular mecanismos para darlles solucións ás persoas sen papeis que se dedican á venda ambulante”, engadiu. A edila do BNG salientou que “só apostando decididamente pola participación, o diálogo e a cooperación se atoparán solucións ás dificultades económicas e sociais que o colectivo inmigrante está a vivir”.

Non nos gusta traballar na venda ambulante, mais non temos traballo e algo teremos que sacar para pagar o aluguer e manter a familia

Á rolda de prensa, asistiron máis dunha decena de afectados, que explicaron que “non temos traballo, perdímolo, e por iso traballamos na rúa”. “Non é que nos guste este traballo, pero temos familias e temos que pagar aluguer, comida, auga, luz...”, sinalaron.

Os afectados explicaron que unha vez recibiron a advertencia da policía de que non podían estar vendendo nos semáforos, acudiron ao Concello a falar co Goberno municipal. “Quedaron en chamarnos, mais seguimos agardando por esa chamada desde hai meses, o único que recibimos foron multas”, denunciaron.

 

O BNG empraza o Goberno municipal a axudar as persoas que se dedican á venda ambulante