Soben os gastos da Laponia: o Goberno do Sr. Negreira paga valados publicitarios
A Coruña, 9 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera un exceso os valados publicitarios pagados polo Concello da Coruña e pola Deputación da Coruña para anunciar e promover o poboado lapón, un gasto superfluo do Goberno do Sr. Negreira que se suma aos 70.785 euros da construción da Laponia coruñesa e aos gastos derivados da contratación da animación e da dinamización, gastos que o Goberno municipal aínda non fixo públicos. Á vista dos valados, o poboado lapón superaría este ano os 140.000 euros que custou o ano pasado.
Co fin de coñecer por canto nos vai saír este ano o poboado navideño, a concelleira Avia Veira rexistrou esta mañá dúas iniciativas nas que pregunta cantos valados publicitarios hai e en que Concellos, canto custaron eses valados e que Concellaría ou organismo municipal pagou esa publicidade. Tamén pregunta a edila do BNG polo prezo da animación e dinamización do poboado navideño, que Concellaría ou organismo municipal pagou a contratación da animación e dinamización e cal foi o procedemento da contratación. E é que catro días despois da apertura do poboado lapón, o Goberno do Sr. Negreira mantén oculto o custo da contratación da animación e da dinamización, que o ano pasado ascendeu a 72.545 euros.
O Grupo Municipal do BNG denuncia o malgasto de cartos públicos nunha iniciativa que, tal e como sinalou o presidente da Federación de Comerciantes da Coruña, non suporá retorno positivo ningún para o comercio. As declaracións do Sr. Agromayor, que afirmou que a Laponia do PP non ten a ver co comercio, senón co turismo, terían que sacarlle ás cores ao Goberno do Sr. Negreira, que sempre presume do suposto retorno económico dun poboado que nos custará máis de 140.000 euros e que certifica a carencia de ideas do Goberno do PP para reactivar o pequeno e mediano comercio da cidade, un dos sectores económicos máis golpeados pola crise.