O BNG presenta alegacións contra o proxecto do innecesario trasfego de Meirama a Cecebre
A Coruña, 9 de decembro de 2013.- O BNG da comarca da Coruña presentou unha serie de alegacións ao proxecto construtivo de execución de obra hidráulica de abastecemento da área metropolitana da Coruña a partir do lago artificial da central de Meirama, fase 1 (publicado no DOG do 18.10.2013). Nestas alegacións, o BNG denuncia que esta obra hidráulica é completamente innecesaria, xa que as necesidades de consumo de auga da área metropolitana da Coruña están cubertas sen termos que asumir un investimento deste calibre. Os nacionalistas poñen de manifesto que a Xunta de Galiza xustifica esta obra baseándose na necesidade de garantir o subministro de auga nun prazo de vinte anos baixo un suposto incremento poboacional e de consumo derivado dun suposto incremento lineal da poboación e do gasto da auga. Porén, o BNG sinala nas alegacións que isto non se corresponde coas previsións nin do IGE nin do INE e que polo tanto non teñen base científica que cabería agardar nunha obra de semellante investimento. Ademais, os nacionalistas engaden que as políticas públicas van encamiñadas á redución do consumo de auga.
Pola outra banda, o BNG pon de manifesto que esta obra é innecesaria e advirte de que resulta unha modificación substancial do proxecto de enchemento do oco da mina. Subliña que a resolución de 18.06.2008 pola que se acorda dar publicidade á declaración de impacto ambiental sobre a enchedura con auga do oco da mina de Meirama prevía que as augas de rebordamento do lago se recollesen de xeito natural pola bacia do río até incorporarse ao seu leito. Dado que non se corresponde co avaliado no seu día, o BNG considera que o enchemento con auga do oco debería someterse a un novo informe de declaración ambiental.
O BNG pide que sexa Gas Natural Fenosa quen asuma o desaugamento do lago artificial e o custo do mantemento, ou substitución, da depuradora
Ademais, o BNG solicita que, tal e como recollía a resolución de 18.06.2008, sexa a empresa Gas Natural Fenosa quen se encargue de levar a cabo o desaugamento do lago artificial de Meirama ao río Barcés e non a Xunta de Galiza, a través de Augas de Galiza.
As alegacións lembran que no suposto de que as augas do lago artificial non acaden a calidade de auga que se axuste aos límites que estabeleza Augas de Galiza na autorización da vertedura ao río Barcés, a auga deberá tratarse nunha planta depuradora. Así o custo de mantemento da depuradora de augas da mina ou a substitución por unha nova planta para este fin correspóndelle á empresa explotadora da mina, Lignitos de Meirama, S.A. (Gas Natural Fenosa). Polo tanto, o BNG reivindica nas alegacións que a planta necesaria para garantir a calidade da auga que se verta de novo no Barcés sexa asumida e mantida pola empresa que explotou a mina de Meirama e, en ningún caso, con cargo a fondos públicos.
Tamén salienta o BNG nas alegacións que no proxecto non se clarifica como se vai facer a depuración que garanta a calidade da auga no río Barcés, en que se producen captacións directas para consumo humano antes de chegar ao encoro de Cecebre, como se fai en Cañás para subministrar auga para os concellos de Carral e Abegondo.
O BNG bota en falta referencias á conservación do medio ambiente e ao Plano hidrolóxico Galiza-Costa
Ademais, os nacionalistas sinalan nas alegacións que botan en falta un informe que recolla os efectos adversos sobre os valores naturais do encoro de Abegondo-Cecebre, dada a súa condición de Zona de Especial Protección dos valores naturais, dadas as repercusións que sobre este espazo natural van ter as modificacións na calidade e na altura da auga asociadas a este proxecto.
Alén disto, botan en falta que no proxecto non se faga referencia ningunha ao Plano hidrolóxico Galiza-Costa, cando o proxecto deberá axustarse ás prescricións estabelecidas no Plano segundo recolle a resolución de 18 de xuño de 2008.