O BNG denuncia que o alumnado que vive en exclusión social non pode usar o comedor escolar
A Coruña, 10 de decembro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo vén de rexistrar dúas iniciativas para que o Goberno do Sr. Negreira acabe coa situación de desamparo das familias que non poden facer uso das bolsas do comedor escolar por non dispoñer de transporte. E é que moitas crianzas que viven en situación de exclusión social e que están escolarizados en centros públicos da cidade, como as que viven no poboado precario da Pasaxe, non poden facer uso do comedor escolar, nin da bolsa do comedor, porque non teñen transporte que os devolva ao lugar en que viven.
A concelleira nacionalista pídelle ao Goberno do Sr. Negreira que realice, coa maior brevidade posíbel, un estudo para coñecer canto alumnado que vive en situación de pobreza e de exclusión social non está a facer uso do comedor escolar porque non ten transporte para regresar ás súas vivendas e pregúntalle se prevé acometer algunha medida para solucionar o desamparo destas familias.
María Xosé Bravo critica que o Goberno do PP modificara a normativa que regula as bolsas do comedor escolar para favorecer o alumnado da ESO e Bacharelato escolarizado en centros privados á vez que permite que o alumnado de familias con poucos recursos non poida facer uso das bolsas do comedor por non dispoñer de transporte escolar.
A concelleira do BNG sinala que á vista dos datos que o Goberno municipal lle forneceu ao BNG sobre o número de alumnado da ESO, Bacharelato e FP con bolsas do comedor queda patente que, como xa advertiramos, o alumnado escolarizado en centros privados é o que máis se beneficia destas axudas. Na medida en que é o alumnado de centros privados da cidade quen se beneficia das axudas ao comedor e que ningún alumno ou alumna de Bacharelato escolarizada en centros públicos se beneficia desta axuda, María Xosé Bravo empraza o Goberno do Sr. Negreira a modificar a norma das bolsas do comedor co fin de que o alumnado de Bacharelato non teña dereito a estas axudas.