Só un goberno cruel expulsa unha nena con diversidade funcional dun campamento de verán
A Coruña, 19 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia a crueldade do Goberno do Sr. Negreira por expulsar unha nena de 4 anos con diversidade funcional do campamento de verán do Ágora, organizado pola Concellaría de Cultura, a mesma que dilapida máis de 2 millóns de euros nas festas de María Pita. O Bloque critica que o Goberno municipal do PP presuma das fiestas de los 38 días, custeadas con cartos públicos, á vez que renuncia a buscar unha solución para que nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo poidan participar en igualdade de condicións nas actividades dos campamentos do Ágora e do Fórum. As nacionalistas lamentan que a Concellaría que o ano pasado gastou 3,56 millóns en festas poña problemas á hora de contratar durante os 15 días que dura o campamento un monitor ou monitora que atenda crianzas con diversidade funcional.
O Grupo Municipal do BNG xa presentara unha pregunta para a resposta escrita co fin de coñecer o motivo polo que o Concello non ía contar con profesionais de apoio para nenos e nenas con necesidades especiais nos campamentos do Ágora e do Fórum, recibindo unha resposta lacónica que demostra a falta de interese do Partido Popular polas crianzas que máis necesidades teñen: O Goberno municipal cumpre sempre a lexislación vixente. Posteriormente, as nacionalistas volveron rexistrar unha pregunta escrita co fin de coñecer esa suposta lexislación que ampara a marxinación de nenas e nenos con necesidades especiais de apoio educativo (pregunta que, dados os prazos recollidos no Regulamento Orgánico Municipal, aínda non foi respondida) para solicitar a súa derrogación.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG anuncia a presentación dunha iniciativa contra a discriminación das crianzas con diversidade funcional para o pleno ordinario de setembro co fin de que o Goberno do Sr. Negreira rectifique unha decisión que a todas as luces é inxusta e dado que, até o de agora, os campamentos do Concello ofertaban prazas para nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo. As nacionalistas lembran que o Concello da Coruña, como administración pública que é, ten a obriga de atender este tipo de necesidades específicas, mesmo nas actividades de lecer, para que a vida destas crianzas se desenvolva coa maior normalidade e en pé de igualdade co resto dos nenos e nenas.