O PP xustifica a decisión de excluír nen@s con necesidades especiais dos campamentos de verán

Vista parcial do edificio do Ágora
O PP xustifica a decisión de excluír nen@s con necesidades especiais dos campamentos de verán

agora

A Coruña, 13 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia a xustificación por parte do Goberno do Sr. Negreira da exclusión de nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativp dos campamentos que organiza a Concellaría de Cultura no Fórum e no Ágora. As nacionalistas critican a resposta que lle deu o Goberno do Sr. Negreira á súa pregunta escrita sobre esta decisión. E é que á batería de preguntas formuladas polo BNG, o Goberno do PP limitouse a responder o seguinte: “O Goberno municipal cumpre sempre a lexislación vixente”.

Cómpre lembrar que o Grupo Municipal do BNG lle preguntara ao Goberno do Sr. Negreira cal é o motivo polo que o Concello non vai contar para estes campamentos con profesionais de apoio para nenos e nenas con necesidades especiais, se considera que é social e culturalmente aceptábel marxinar as persoas que máis necesidades teñen, se os campamentos urbanos ofrecidos polos centros cívicos municipais van contar con prazas reservadas e con profesionais cualificados para atender estas nenas e nenos con necesidades especiais de apoio educativo e en que condicións se vai atender estas nenas e estes nenos con necesidades específicas de apoio educativo nos campamentos urbanos.

Diante da cativa resposta que deu o Goberno do PP, o Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar hoxe unha nova pregúntase para a resposta escrita co fin de coñecer cal é esa lei á que alude o Goberno do Sr. Negreira de cara a pedir a súa derrogación, na medida en que lle dá amparo á discriminación das persoas máis débiles.

Até o de agora, os campamentos do Concello ofertaban prazas para nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo

O BNG lembra que até o de agora os campamentos urbanos ofertados polo Concello contaban con prazas reservadas para menores con necesidades específicas de apoio educativo, de aí que non comprenda a súa supresión. O propio díptico dos campamentos de verán organizados polo Concello no Ágora e no Fórum Metropolitano, en que poden participar os nenos e nenas nadas entre 2002 e 2010, sinala que “La actividad no cuenta con profesionales de apoyo para niños con necesidades educativas especiales”.

Lonxe desta discriminación, o Concello, como administración pública que é, ten a obriga de atender este tipo de necesidades específicas, mesmo nas actividades de lecer, para que a vida destes rapaces e rapazas se desenvolva coa maior normalidade e en pé de igualdade co resto dos nenos e nenas, salienta o Bloque.

O PP xustifica a decisión de excluír nen@s con necesidades especiais dos campamentos de verán