A ruína da concesión da ORA e do guindastre suma perdas de máis de 3,5 millóns nos últimos anos
A Coruña, 26 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a liquidación do servizo do guindastre e da ORA correspondente ao período entre decembro de 2013 e novembro de 2014 volve dar perdas para o Concello, tal e como reflicte o expediente aprobado esta mañá en Xunta de Goberno Local. Desta vez, o Concello terá que pagarlle á empresa concesionaria un importe total de 365.314,56 euros. Nos últimos seis anos, esta concesión implicou unha auténtica ruína para o Concello, xa que houbo que pagarlle á empresa un total de 3.526.511,24 euros.
As nacionalistas lembran que a concesión do guindastre e da ORA foi outorgada en 2005 coa previsión de obter excedentes. De feito, as cláusulas da concesión contemplaban que o servizo funcionaría con excedente económico, do cal se repartiría un 95% para o Concello e un 5% para a concesionaria en concepto de canon da concesión. Porén, esta concesión provócalles ás arcas municipais continuas perdas e suponlle un suculento negocio para a empresa Grupo Europeo de Servizos Doal, S.A.
Para o ano que vén, comezará as novas concesións da ORA e do guindastre, que veñen de seren sacadas a concurso por separado e sen valorar previamente a opción dunha xestión pública directa por parte do Concello da Coruña. Nada máis ter coñecemento das condicións do novo contrato da ORA, o Grupo Municipal do BNG criticou que o Goberno do Sr. Negreira vaia vincular o Concello da Coruña durante un máximo de dez anos (8 anos iniciais prorrogábeis a outros 2) cun contrato da ORA cuxo importe ascende a 23 millóns de euros.