O roubo do bus: a Cía. de Tranvías tivo 4,66 millóns de beneficio e o Concello deulle 8,74 millóns
A Coruña, 14 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG critica que o PP siga a encarecer o prezo do bus cando a Compañía de Tranvías obtivo 4,66 millóns en concepto de beneficio de explotación en 2012 (últimos datos dispoñíbeis) e cando o Concello da Coruña subvencionou esta empresa con 8,74 millóns no 2012 (últimos datos dispoñíbeis antes de coñecer o montante total das subvencións do 2013). Estas cifras evidencian que a concesión da Compañía de Tranvías representa un auténtico negocio para a empresa e un saqueo aos petos da xente que ten que pagar máis cada vez que utiliza o bus e que paga tamén as subvencións a esta empresa.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a única solución para atallar as continuadas subas no prezo das tarifas do bus para por revisar tanto a concesión da Compañía de Tranvías (en base ao artigo 7,1 do regulamento do servizo de transporte urbano) e mais a fórmula para o cálculo da tarifa (en base ao artigo 12.3 do convenio regulador da concesión). As nacionalistas sinalan que mentres o Goberno do Sr. Negreira non acometa estas revisións seguirán subindo os billetes do bus e mais as subvencións que lle outorga o Concello. E, á vez, seguirán a subir os beneficios da Compañía de Tranvías por conta de todas e todos nós.
O BNG pídelle ao Goberno do Sr. Negreira que revise os 7,5 millóns consignados nos orzamentos de 2014 para a Compañía de Tranvías
As nacionalistas emprazan o Goberno do Sr. Negreira a revisar os 7,5 millóns de euros consignados nas contas de 2014, dado que, a todas luces é unha cantidade escasa. O propio interventor do Concello advertiu até en dúas ocasións de que os 7,5 millóns consignados nas contas de 2014 para a Compañía de Tranvías son insuficientes.
O Bloque pon de manifesto que a falta de previsión do Goberno do PP xa o levou no 2012 (último ano do que se teñen os datos) a orzar 6.000.000 euros para as subvencións da Compañía de Tranvías, unha cantidade que tivo que completar con 2.746.106,5 euros para poder pagarlle á empresa as subvencións.